Derrota tras once xornadas nunha tarde na que non saíu nada

28 de Xaneiro de 2023
Antas vs Burgos
Damián vs Burgos Promesas
Casas vs Burgos Promesas
  • O Compos tivo infinidade de ocasións na segunda parte, incluso un penalti, pero non foi capaz de acertar co arco

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2023

Nunha tarde na que non lle saíu nada, o Compos caeu tras once xornadas sen perder. Os nosos tiveron ocasións dabondo para darlle a volta ao marcador, incluso un penalti no desconto, pero non houbo fortuna de cara á portería rival e os puntos quedaron en Burgos. Decidiu o único gol de Jesús, ao pouco de arrincar.

Na Cidade Deportiva de Castañares, a SD Compostela buscaba recuperar sensacións en liga, tras dous empates consecutivos. Cun once moi similar ao domingo pasado, coa única novidade de Cano por Samu, na punta do rombo da medular, os nosos querían os primeiros tres puntos da segunda volta.

Con esta premisa, arrincaron moi concentrados os nosos, dominando o choque a través do balón, ante un rival repregado. Os branquiazuis tentárono de inicio con varios centros laterais, pero, precisamente, sería este recurso o que lle permitiu adiantarse aos locais.

Corría o minuto once cando un balón colgado desde o costado esquerdo cabeceábao, no punto de penalti, Jesús, coa sorte de que a pelota golpeaba en Damián, cambiando a traxectoria do mesmo e acabando no fondo da rede.

O peor dos escenarios presentábase entón para os branquiazuis, que tiñan que remar ao contraxeito contra un rival ben asentado en bloque baixo. Con vantaxe, o Burgos deu un paso atrás e o Compos dous adiante, pero non era quen de atopar a vía para conseguir algún remate claro, a pesar de roldar a área rival.

Por iso, a pesar dos intentos branquiazuis, non houbo ocasións claras e chegouse ao intermedio coa vantaxe local pola mínima.

Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas, a contenda seguiu pola mesma liña, aínda que a insistencia dos compostelanistas provocou que comezasen a producir xogadas de perigo real.

No 58, teríaa Darío para o empate, despois de roubarlle a carteira ao último home, pero con todo a favor e no man a man, tentou a vaselina e a pelota escapóuselle por encima do traveseiro. E seis máis tarde, Allyson, recentemente entrado ao campo, tampouco puido aproveitar un centro de Roque para pór as táboas. O dianteiro brasileiro rematou na área pequena, pero, o seu testarazo saíu rozando o pau.

Cun Compos metido en campo rival, responderon os locais cunha contra na que Pato sacou un pé espectacular para despexar o tiro de Jesús.

En todo caso, máis aló dese susto, a contenda estaba orientada cara á portaría do Burgos e comezou o acoso e derribo branquiazul.

Marcou Fer Beltrán, no 69, pero o colexiado sinalou un axustado fóra de xogo, por posición adiantada do mediocentro tras a peiteada de Allyson, na súa última achega antes de notar unha picada no adutor e pedir o cambio.

Seis máis tarde tentaríao de novo Darío, ao cazar unha pelota solta na área, pero desde dentro, topouse cun defensa e foise a córner. E na seguinte xogada, lanzamento ao traveseiro de Parapar, que non entrou por milímetros, e no rexeite, novamente tanto anulado aos nosos, por fóra de xogo, precisamente, de Darío.

Entrou mesmo Roi ao campo e nada máis facelo teríaa nas súas botas, pero disparou cruzado desde o borde da área.

Con iso entrouse no fatídico desconto no que chegaría a máis clara, despois dun penalti por mans nunha barreira. Samu encargouse de executalo baixo a nevada que caía no campo, buscou o tiro axustado ao poste dereito da portería, pero Óscar voou para sacala abaixo.

Por tanto, non houbo fortuna nin capacidade para remontar o encontro. Derrota 1-0, tras once xornadas sen perder. Tocará seguir traballando, levantar a cabeza e tentar tomar a velocidade de cruceiro da primeira volta. O vindeiro domingo, un novo derbi, na casa, contra o Ourense, oportunidade ideal para relanzarse.

FICHA TÉCNICA

1- BURGOS PROMESAS: Óscar López; Vertiz, Iván Martínez, A. Marcos, Tito Peralta, Pol Bassa (Román, m.87); Jesús, Marcos Gil, Marino (Hassane, m.83); Lucas (Óscar, m.78) e López-Pinto (Javi, m.78).

0- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana (Samu, m.61), Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián; Pablo Antas, Roque, Fer Beltrán, Cano (Allyson, m.61 (Parapar, m.72); Mario Rodríguez (Roi Rama, m.79) e Darío.

GOLES: 1-0: Jesús, min.11.

ÁRBITRO: Casabona Isla (Navarra). Expulsou a  A. Marcos (m.93), por dobre amarela. Ademais, amoestou a Hassane, polo Burgos Promesas; e a Pablo Antas, polo Compos.

INCIDENCIAS: Cidade Deportiva de Castañares 2 (Burgos). Xornada 19 do Grupo 1 da Segunda RFEF.

 

Youtube

Instagram Compos

Flickr Amadeo Rey

  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2

Instagram Canteira

Twitter Canteira

Facebook

15 hours ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Pablo Antas 🗣️ O mediocentro tamén falou na previa á visita ao Real Oviedo Vetusta⚽️ O capitán, que volve ao equipo tras sanción, remarcou a necesidade de sumar, tras moito tempo, unha vitoria coma visitantes#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

16 hours ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Antón Permuy🗣️ PREVIA antes da visita ao Real Oviedo Vetusta, este sábado, ás 16.00 horas, no Requexón⚽️ O técnico destaca a melloría do equipo e centra o foco en conseguir a vitoria en terras asturianas#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
Este sábado, en Oviedo, só vale gañar para poder seguir na pelexa! 🩵🤍🆚 Real Oviedo Vetusta🗓️ 20.04.24⏰ 16.00🏟️ El Requexón 📺 www.youtube.com/@realoviedo#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
🗓️ 𝐏𝐋𝐀𝐍 𝐃𝐄 𝐓𝐑𝐀𝐁𝐀𝐋𝐋𝐎⚒️ Tralo gran esforzo de onte, os nosos regresan esta mañá ao traballo centrados no seguinte obxectivo, conseguir a vitoria ante o Real Oviedo Vetusta#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.