Derrota inxusta en Salamanca na despedida da tempada

  • Os locais remontaron nos últimos minutos contra un Compos que mereceu mellor premio

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2022

A SD Compostela non puido lograr o obxectivo. Os nosos caeron en Salamanca 2-1, nun duelo trepidante no que mereceron mellor premio. A pesar de ir por diante durante todo o partido, grazas ao gol de Primo no 4, os locais remontaron no últimos dez minutos e levaron os tres puntos.

Con 14,81% de posibilidades, pero con toda a confianza do mundo, a SD Compostela chegou ao Helmántico coa misión de facer os deberes para poder esperar outros resultados que o levantasen a un posto de playoff.

Coas novidades de Roque, que regresaba de sanción, e Samu, os nosos arrincaban a final contra o Salamanca co propósito de loitar por todo ata o final. Desta maneira, saíron moi enchufados e ese gran arranque tivo o seu premio.

Xa no primeiro minuto avisara Josiño, cunha internada pola dereita que non atopou rematador, pero no catro, cunha entrada pola outra banda, o balón xa acabou na rede. Pablo Durán recibiu ao espazo e puxo un centro medido para a entrada de Primo, quen colocou a súa bota destra á perfección para que a pelota bicase as mallas.

Ao Salamanca tamén só lle valía o triunfo, polo que os charros, véndose abaixo no marcador, deron un paso adiante, buscando a igualada. Apertando con balóns longos, buscando a velocidade dos seus atacantes, tivo que aparecer Pato para salvar o empate.

O porteiro uruguaio, na liña da súa gran tempada, luciuse no 11 para sacar o remate de socato de Juancho, tralo centro de Telles. E no 16, volveu aparecer moi seguro para despexar cara á banda a volea de Willy desde a frontal.

Salvando ese primeiro tirón local, o Compos volveu ameazar a área rival, no 27, tras un bo contragolpe, no que Parapar atopou ao oco a Primo, pero o centro raso potente do dianteiro non chegou a Josiño.

Con todo, pausa de hidratación mediante, os locais eran máis incisivos en ataque, complicando as circulacións de balón dos compostelanistas. Aínda así, os seus continuos centros eran despexados pola defensa unha vez tras outra, chegando ao intermedio co citado 0-1.

Á volta dos vestiarios, recuperando o esférico, o Compos volveu saír mellor que o seu rival. Con personalidade, fronte á presión charra, os nosos atopaban os espazos e volvían achegarse con perigo sobre a meta de Salcedo.

Nunha xogada moi similar á do primeiro gol aos cinco minutos, esta vez, o centro de Pablo Durán, co exterior, atopou coa perna dun defensa, un corte que a punto estivo de coarse na súa propia portería.

Aínda que máis clara sería a que chegaría no 56, xa que Samu, co seu periscopio, atopou a internada de Parapar dende a destra, o extremo coruñés plantouse no man a man co porteiro, pero este sacou unha manopla espectacular ao tiro coa destra e arriba do compostelanista.

Chegou o momento dos cambios e o Salamanca buscando a heroica, aínda que o Compos tiña a contenda controlada. Con todo, nun córner, o árbitro sinalou un penalti moi protestado polos nosos. Iban Ribeiro foi o encargado de executar a pena máxima, enganando a Pato e pondo o empate.

Coa igualada, o encontro converteuse nun correcalles, con dous equipos aos que non lle valía o punto. Tívoa o Compos, nas botas de Rafa Mella, pero só na área pegoulle mordido e despexouna Salcedo.

Pero os que marcarían serían os visitantes, cun auténtico golazo de Juancho, cunha volea que se coou pola escuadra. Xa non houbo tempo para máis e, a pesar dos merecementos durante toda a contenda, o Compos pechou a tempada con derrota.

FICHA TÉCNICA:

2- SALAMANCA CF UDS: Salcedo; Gustavo, Arencibia (Luís Martínez, m.62), Murúa, Fer Romero (Mikel Bueno, m.74), Álex Menéndez (Uche, m.57); Telles (Alemán, m.74), Willy (Manin, m.46), Amaro; Iban Ribeiro e Juancho.

1- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Roberto Baleato, Salado (Jimmy, m.67); Pablo Antas, Samu (Mario, m.87), Josiño (Rafa Mella, m.74); Parapar (Escudero, m.67), Pablo Durán (Saro, m.87) e Primo.

GOLES: 0-1: Primo, min.4; 1-1: Iban Ribeiro (p.), min.80; 2-1: Juancho, min.90+1.

Árbitro: Sánchez Alba (Aragón). Amoestou a Fer Romero, polo Salamanca; e a Roque, polo Compos.

Incidencias: Estadio Helmántico (Salamanca). Partido da Xornada 34 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado