David Uña non seguirá a próxima tempada

Marcha-David-Uña

  • O central gañouse o agarimo de todos, coa súa gran personalidade, durante estes dous anos e medio

Santiago de Compostela, a 14 de Xuño de 2019.

David Uña Pablo non seguirá na SD Compostela ao non ofrecerlle o club a renovación. O central madrileño non continua no Compos tras dous anos e medio nos que se gañou o agarimo de todos, tanto polos seus méritos deportivos como pola súa gran personalidade, sendo un membro capital dentro do proxecto branquiazul.

A pesar de chegar no mercado de inverno, Uña adaptouse rapidamente ao equipo e á cidade, demostrando desde o primeiro momento a súa gran humanidade, humildade e simpatía, valores que consideramos vitais no fútbol e que transmitiu tamén, da mellor das maneiras, aos pequenos da base, xa que adestrou aos benxamíns nos dous últimos cursos.

Na faceta futbolística, superou os 2.000 minutos nas tempadas completas e case chegou a eles na segunda volta da súa estrea. En total disputou un total de 67 encontros oficiais, nos que demostrou unhas grandes condicións defensivas, pero tamén ofensivas nas xogadas a balón parado. Así, marcou tres tantos no seu período no conxunto da capital galega.

Por todo iso, desde o club queremos darlle o noso máis sincero agradecemento pola súa etapa connosco, desexarlle a maior das sortes para o seu futuro e oxalá nos volvamos a atopar no camiño, porque persoas así son un exemplo para todos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado