David Soto: “Temos gañas de darlle un premio á afección e unha alegría ao club”

  • O central avoga por seguir na mesma liña, mesmo aumentar o nivel, para loitar polas dúas prazas de ascenso a Primeira RFEF
  • Avisa que o Compos dará moita guerra para lograr o seu novo obxectivo

Santiago de Compostela, a 31 de Marzo de 2021.

A SD Compostela chega á Fase Intermedia deste formato con ganas de dar guerra. Despois de lograr o obxectivo inicial, o equipo busca agora loitar polo ascenso á Primeira RFEF. O plantel está con ilusión e con moitas gañas, como advirte David Soto, de darlle un premio á afección e unha alegría ao club. Para iso, o central avisa que terán que seguir na mesma liña e mesmo aumentar o nivel, porque virán partidos moi complicados.

En busca dun novo obxectivo. Sabemos que a segunda fase será a cara de can. Os seis equipos van querer estar na Primeira RFEF, unha vez asegurada a Segunda. Será unha liguiña complicada, temos que seguir na mesma liña, mesmo aumentar o nivel, porque os equipos foron os mellores do subgrupo. É unha incógnita para nós eses tres equipos, xa que será a primeira vez que nos enfrontemos a eles e a ver que pasa. Oxalá cumpramos o obxectivo que nos marcamos agora, que é o ascenso á Primeira RFEF.

Liguiña apertada. Non dependemos de nós mesmos para recortarlle puntos aos galegos, pero ao final estará apertado todo como a primeira fase. Creo que ninguén se distanciará na primeira volta desta liguiña e esperemos chegar con opcións á última xornada, e a ver se tanto Dépor como Ferrol poden deixarse puntos polo camiño.

Información doutros equipos. A día de hoxe, non temos moita información do resto de equipos. Hoxe e mañá traballaremos en vídeo para preparar o duelo deste sábado; e do Marino e Langreo temos referencias doutras tempadas, de ir xogar alí. Son campos difíciles e será complicado para todos. Veremos quen consegue esas dúas prazas ao final da liguiña.

Estar ao mellor nivel. Creo que, sobre todo, empezar na casa é importante e facelo dunha boa forma, que sería cos tres puntos. Se estamos fortes na casa, facéndoo ben fóra teremos opcións de chegar vivos ao final para loitar polos primeiros postos. O sábado vén un equipo histórico, que o ano pasado estaba en Segunda, non nolo poñerá fácil e teremos que estar ao mellor nivel, como na segunda parte contra o Salamanca, para poder lograr os tres puntos.

Saír enchufados dende o minuto uno. Os dous últimos encontros en casa adiantáronse no marcador e iso condiciónache o partido, sobre todo o último, porque o Salamanca repregábase con moitos homes por detrás do balón e iso dificúltache xerar ocasións. O sábado será importante empezar enchufados dende o minuto uno, co noso ritmo alto de xogo e levar o peso do partido como o resto de ano, e tentar gañar porque nos dará un extra de confianza para afrontar o resto da liguiña.

Novos retos. Son obxectivos distintos, na primeira estaba claro que era manter a categoría. Nesta segunda, somos ambiciosos e temos gañas de darlle un premio á afección e unha alegría ao club. Por que non loitar con esa ambición en todos os partidos, igual nos permite o premio de ascender á Primeira RFEF. Será todo igualadísimo, porque ninguén regalará puntos e van xogarse cousas ata a última xornada.

O Numancia. Sei da entidade que vén o sábado. Numancia é un club histórico, con moitísimos anos en Segunda División, cun plantel moi bo, orzamento moi alto e ten moitos recursos para afrontar esta liguiña en perfectas condicións. Son os favoritos, xunto co Dépor, para o ascenso.

Dar moita guerra. Non somos os favoritos, pero no campo viuse que nos teñen que tomar en serio, que somos un equipo supertraballado, que practica un fútbol que a xente se sente recoñecida con el e débennos ter en conta porque daremos moita guerra.

A xogada do gol. Foi unha xogada un tanto embarullada, unha disputa na que me cae o balón e non mo pensei, vireime e tiven a sorte de que entrase pegado ao pau. Era o meu primeiro gol en Segunda B, espero que o próximo axude a gañar ao equipo e espero que sexa o primeiro de moitos, e que axuden a lograr obxectivos ao club.

A celebración. Nese momento, o único que pensaba era en coller o balón porque necesitabamos gañar o partido para ter máis puntos. Estabamos a apertar moito e aínda quedaba tempo para remontar, polo que a collín rápido. A verdade é que, polo momento e da forma en que se deu, coa perna mala, foi o meu mellor gol ata o de agora.

O outro subgrupo. Coa clasificación na man ves unha distancia notable entre os equipos, o que pode parecer que o noso grupo era máis complicado. Con todo, cada partido é un mundo e hai que loitalo coma se fose o último, porque pode pasar calquera cousa. Temos que saír enchufados dende o minuto uno, competir con ilusión e humildade, e loitar para subir á Primeira RFEF.

Empezar gañando na casa. É un partido vital, como o van a ser o resto. É importante por empezar na casa e temos que aproveitar o noso fortín, como ata o de agora, porque vén o Numancia, dunha entidade brutal e empatado a puntos connosco. De gañar, a confianza multiplicaríase e mesmo se pode dar a oportunidade de recortar puntos aos dous primeiros.

Queremos o máximo. É un orgullo o recoñecemento ao noso traballo, sabemos que estamos a facer as cousas ben, que o traballado entre semana se ve no campo e que a nosa afección se ve reflectida no estilo do equipo, pero tamén sabemos que non podemos levantar o pé do acelerador, porque se non pásanche por encima. Temos que seguir así, tentar desfrutar estes partidos, pero coa máxima seriedade e competitividade, porque queremos o máximo.

Novo formato. Particularmente, o único que non me gusta deste formato é non enfrontarme aos equipos da primeira fase. Arrastrar os puntos, si, pero que teñas que disputar todos os partidos contra os equipos que están na liguiña. Tes puntos de diferenza que ao final non podes recortar en enfrontamentos directos, porque non os haberá. Na Fase de Descenso haberá máis partidos, polo que poderiamos ter un par de partidos máis.

Momento do disparo no gol contra o Salamanca. Foto: Amadeo Rey.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado