David Soto e Bicho non continuarán na SD Compostela

  • Ambos xogadores non aceptaron a proposta de renovación
  • O club agradécelles o seu gran traballo e compromiso nesta etapa como branquiazuis e deséxalles a maior das sortes para o futuro

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2021

David Soto e Javier Abruñedo “Bicho” non continuarán na SD Compostela na Tempada 2021/22. Ambos xogadores non aceptaron a proposta de renovación do club e despídense así dunha gran etapa na capital galega, na que demostraron a enorme calidade que atesouran, sempre ao servizo do equipo, así como tamén unha gran personalidade e trato humano.

No que respecta ao central ourensán, deixa o Compos tras dúas campañas extraordinarias, nas que foi peza capital da zaga branquiazul. O defensor axudou en gran medida ao bo facer defensivo dos nosos, cun gran poderío en todas as facetas da retagarda, así como na saída de balón. En total, nestes dous anos, disputou 48 encontros coa camiseta compostelanista, logrando o histórico ascenso a Segunda B e anotando mesmo tres goles.

Pola súa banda, o mediapunta de Sada vaise tras unha tempada e media na que, como sinalou en diversas ocasións, volveu a gozar do fútbol. Como branquiazul xogou 28 partidos, co ascenso a Segunda B incluído, nos que se destacou de novo como un xogador diferencial, grazas á súa gran visión do xogo e ás súas fantásticas calidades técnicas.

Por todo iso, a SD Compostela agradécelles todo o seu traballo e compromiso polo ben do club e deséxalles a maior das sortes para o seu futuro. Oxalá os nosos camiños se volvan cruzar. MOITAS GRAZAS, Soto e Bicho!!

Compartir en Redes Sociales

Relacionado