Dar a mellor versión para a estrea no fortín

  • Rodri aposta por mellorar na circulación da pelota para poder facerlle dano a un rival moi complicado

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

A SD Compostela buscará este domingo (17.00 horas), na estrea no Vero Boquete de San Lázaro, a primeira vitoria da tempada. No fortín e ante o seu público, os nosos queren sumar de tres, mantendo as boas sensacións da segunda parte en Pasarón. Para iso, terán que superar a un rival complicado, o Palencia Cristo Atlético.

Rodri analizou esta mañá en rolda de prensa como chega o equipo a esta cita, destacando as posibilidades que lle ofrece o plantel de expor diferentes escenarios. Ademais, destacou a importancia de mellorar na circulación da pelota e en estar moi enchufados, para poder facerlle dano a un gran rival.

Declaracións destacadas.

Estado do plantel. Tivemos algún xogador con algunha molestia e quédanos ver estes dous adestramentos e ver o equipo que sacamos e a convocatoria que facemos. Saro e Guille non puideron facer a semana que nos gustaría, pero xa o comentaba a semana pasada, estou encantado co plantel que teño e se non poden xogar uns, máxima confianza no que teña que saír a xogar e no compañeiro que teña que entrar despois X minutos.

Baixa de Jimmy. Jimmy é un xogador importante neste plantel pola súa experiencia e polo tipo de xogador que é, pero temos futbolistas que o poden suplir, imos apoialos para facelo o mellor posible e, sobre todo, para que cando Jimmy estea recuperado, que a decisión miña sexa difícil. Oxalá que a persoa que xogue no seu lugar o faga ben e que Jimmy teña que agardar a súa quenda.

Alternativas no plantel. Dende pretempada planificamos un plantel para poder duplicar postos, a xente está a traballar moi ben, sempre comentei que quero ser xusto cos xogadores e vai xogar quen realmente o mereza. Se estes xogadores non están dispoñibles, xogarán outros compañeiros que están preparados igual que eles. Animalos, apoialos, darlles confianza e non hai escusa. Se están aquí é porque cremos neles e porque consideramos que teñen potencial, que o demostraron na súa traxectoria, e non haberá problema nese aspecto.

Análise do encontro en Pasarón. Cando che sucede algo así, primeiro tes que analizar o por que, o malo para que non se volva a repetir, pero sobre todo quedarte co positivo, coa personalidade e o carácter que tivo o equipo na segunda parte, sen estar brillantes. É certo que con balón non chegamos ao nivel que me gustaría, aínda que si fomos un equipo máis ordenado. A primeira parte estivemos moi longos, polo que chegamos sempre tarde á presión e gañamos moi poucas disputas, mentres que na segunda melloramos un pouco niso. A nivel anímico ao equipo veulle ben, pódelle fortalecer que sen estar ben competimos contra un rival que sobre o papel está feito para estar arriba.

O Palencia CA. O seu campo é de dimensións similar ao noso. É un equipo que se ten a pelota gústalle xogar, forte no balón parado, tanto ofensivo como defensivo, e despois moi perigoso nas transicións. É un equipo moi completo, comentáballo onte aos xogadores, que se nos pensamos que é un recentemente ascendido e que por iso imos ser superiores a eles, estariamos moi confundidos, pasariámolo mal e poderiamos perder. Por iso, temos que saír enchufados, dar nosa mellor versión, volver ser o equipo recoñecible, sobre todo na pretempada a imaxe do día do Fabril, que é coa que me quedo e a que me gustaría repetir, e sobre esa base seguir crecendo.

Importancia das transicións. No fútbol moderno, todos os equipos adestran ben, traballan ben fisicamente, co cal, atacar dúas liñas de catro xuntas, ordenadas e, sobre todo, colocadas, é moi difícil. Unha porcentaxe moi alta de goles agora mesmo métense en transicións e é unha das cousas que si que me gustaría explotar. Evidentemente, imos facer ataques posicionais, porque imos ser un equipo que vai querer o balón, pero cando o recuperemos quero que sexa un equipo moi vertical.

Puntos a mellorar. As distancias, a nivel defensivo, gustaríame que fósemos un pouco máis agresivos nas disputas, porque creo que é un hándicap que vimos arrastrando destes últimos anos, sobre todo polo perfil dos xogadores. E, con balón, gustaríame que a circulación fose moito máis rápida e nos posicionamentos, estar máis ordenados para que as circulacións sexan moito máis fluídas e máis sinxelas.

Mellorar coa pelota. A confianza danma os resultados, estou aquí para gañar, isto é fútbol de rendemento, pero despois, evidentemente, prefiro gañar dunha determinada maneira, por iso comentaba que a segunda parte pódenos fortalecer animicamente en certos aspectos. Imos estar na nosa casa, un estadio e un campo que coñecemos e o que traballamos esta semana é para mellorar esa versión cando teñamos a pelota, a posición, a circulación, os movementos, buscar mobilidades para poderlle facer dano a un rival que nos poñerá as cousas moi difíciles, porque é un rival que creo que ten as cousas claras, moi ordenadiño e que cando ten a pelota, fai as cousas ben.

Pablo Durán. É un mozo moi maduro, xa o era antes do gol e ségueo sendo. Estiven a falar onte con el e outro compañeiro, está moi tranquilo, sabe cales son as súas virtudes e os seus defectos, sabe que ten que ir con moita tranquilidade, que o importante é chegar e manterse, e oxalá siga crecendo e poida alcanzar cotas maiores. Nese aspecto, é moi maduro, cos pés no chan e non vai ter ningún problema.

Versatilidade. Dentro dun partido, este ano, co plantel que teño, podo disputar varios e, en función diso, tomarei decisións, en base aos escenarios que se poidan ir creando. O feito de quedar no banco ou saír de inicio non quere dicir que o fixeran mellor ou peor, senón que vexo un partido e sobre ese convenme sacalo (a Pablo) cando restan trinta minutos, ou xogar de inicio, ou xogar de dianteiro, ou en banda esquerda… é un mozo que me dá moitas alternativas. Igual que el, Escudero, Salado, Parapar… este ano teño un plantel moi versátil que me dá opcións e, sobre iso, traballaremos para ter non só un Plan A.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado