Cuarto empate 1-1 consecutivo

Samu buscando o disparo na primeira parte. Foto: @mijanphoto_sports.

  • A SD Compostela dominou dende o inicio no fortín, pero non puido pasar do empate ante o Marino de Luanco

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2021

A SD Compostela sumou o cuarto empate consecutivo, o cuarto con 1-1 no marcador, nun día no que dominou dende o inicio, pero no que non puido sobreporse ao temperán tanto visitante. Ao final, un punto para cada equipo.

A contenda no Vero Boquete non comezou como quixesen os centenares de persoas que se congregaron esta tarde no fortín. No minuto 4, Steven adiantaba aos visitantes aproveitando un erro dos nosos. Remando a contracorrente, os branquiazuis conseguiron empatar na segunda metade, mercé a outro tanto de Primo, pero xa non puideron voltear a contenda.

Regresaba o Compos ao Vero Boquete coa premisa de regresar á senda triunfal tras tres empates consecutivos. Diante do seu público, os branquiazuis querían aproveitar a maxia do fortín para conseguir unha vitoria importante. Para iso, Rodri deu entrada, como novidades, a Saro e Jimmy nos laterais e a Parapar no extremo dereito.

O reto era meterlle moito ritmo ao encontro, dende o inicio, e iso quedou patente xa na primeira acción, na que Parapar percutiu por banda dereita, pero non atopou rematador no pase atrás.

Con todo, a pesar da boa saída branquiazul, os visitantes atoparíanse cun agasallo aos catro minutos e aproveitárono para adiantarse no marcador. Nunha saída de balón cómoda, Guille Torres fallou no pase atrás, deixando a Steven diante da portaría e sen oposición, polo que definiu con comodidade ao fondo da rede.

Tocaba remontar e os nosos rapidamente puxéronse a elo. Tras sobreporse do golpe, Primo tivo a opción de empatar no rexeite dunha falta, pero tras controlala na área pequena, enviouna arriba coa zurda.

Replicaron os visitantes, que buscaban os contraataques, nun gran lanzamento de Morán, directo á escuadra, pero Pato voou para sacar unha man salvadora e mandala a córner.

O dominio era claramente branquiazul e as opcións locais comezaron a sucederse. Tívoa de novo, e moi clara, Primo, despois dunha entrada por banda de Parapar, pero o seu disparo, tras controlar, rozou nun defensa e marchouse lambendo o pau. E no córner, unha volea do extremo coruñés tamén tocou nun defensor e marchouse preto do poste.

Con todo, a máis clara para os nosos chegaría no tempo de desconto. Jimmy entrou na área, tras unha gran combinación con Primo, deu o pase da morte para Parapar e este golpeou potente e raso, pero Buru, lanzándose polo chan, evitou o tanto na mesma liña. Así, chegouse ao intermedio con vantaxe visitante, 0-1.

Á volta dos vestiarios, Rodri deu entrada a Pablo Durán coa premisa de ser máis incisivos en ataque. A partir de ambas bandas, sobre todo cun Parapar moi activo, o Compos buscaba o perigo, pero faltáballe o acerto no último pase.

Froito da presión alta, Parapar puido probar os reflexos de Buru  cun bo disparo dende a frontal, tras unha acción na que o Compos roubou o esférico por dúas veces en campo contrario.

Non foi nesa ocasión, pero o premio acabaría chegando ao pouco tempo, no 65. Escudero rompeu liñas polo centro e puxo un servizo perfecto para deixar a Primo no man a man co porteiro. O cántabro, á primeira, atopouse cos reflexos de Buru, pero o rexeite favoreceulle e puido marcar a portería baleira, levando o delirio á bancada.

Co estupor do tanto, na seguinte acción, nun novo contraataque, puido chegar o segundo, pero o disparo de Pablo Durán, dende o pico da área, pasou preto do primeiro pau.

Con todo, coa chegada dos últimos minutos, o cansazo fixo madeixa nos nosos e non puideron concretar o seu dominio en ocasións. De feito, co Compos buscando a heroica, Alfonso tivo unha gran oportunidade no 87, nun man a man con Pato, pero o porteiro uruguaio fíxose enorme e salvou a igualada.

Co 1-1 final, a SD Compostela suma o seu cuarto empate consecutivo, un punto que sabe a pouco nun encontro que dominou dende o inicio. Tentando quitarse as igualadas de enriba, o vindeiro sábado os nosos visitarán ao Llanera na procura da vitoria.

FICHA TÉCNICA:

1- SD COMPOSTELA: Pato; Saro, Álvaro Casas, Guille Torres, Jimmy; Pablo Antas; Parapar (Salado, m.77), Samu (Pablo Durán, m.46), Josiño, Escudero (Rafa Mella, m.77); e Primo.

1- CLUB MARINO DE LUANCO: Buru; Borja, Emilio Morilla, Trabanco, Guaya; Nacho Matador (Pinin, m.77), Lora; Luís Morán (César Suárez, m.60), Diego Díaz (Iván, m.60), Omar Álvarez (Adolfo, m.77); e Steven (Julio Delgado, m.36).

GOLES: 0-1: Steven, min.4; 1-1: Primo, min.65.

Árbitro: González González (Santa Cruz de Tenerife). Amoestou a Rafa Mella (no quecemento), polo Compos; e a Emilio Morilla, Borja e Guaya, polo Marino.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Xornada 7 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 750 espectadores, aproximadamente.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado