Cuarta vitoria consecutiva na gran tarde de Darío co Compos

Celebración do equipo trala vitoria ante o Real Avilés. Foto: Amadeo Rey.

  • O ariete santiagués marcou un hat trick no 4-0 contra o Real Avilés

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2022

A SD Compostela sumou a cuarta vitoria consecutiva na gran tarde do seu dianteiro Darío. O punta santiagués asinou un gran hat trick no Vero Boquete para que os tres puntos quedasen na casa ante o Real Avilés. Ao final, 4-0 para seguir prolongando o bo momento e asentarse na parte alta da clasificación.

O que ben acabou, tamén empezou da mellor maneira, posto que Darío marcaría o primeiro no minuto 3. Con todo, non se resolvería a contenda ata a segunda metade, cando anotaría o seu segundo e terceiro tanto, no 72 e 79. Xa no desconto, Cano selaba a goleada.

Con tres triunfos nas últimas semanas, parón ligueiro mediante, a SD Compostela regresaba ao Vero Boquete coa premisa de prolongar o seu bo momento de xogo e resultados. Impulsados pola melloría do equipo, os nosos querían seguir coa inercia nun partidazo entre dous equipos en postos de playoff. Para a contenda contra o Real Avilés, como novidades, Fabiano recuperou a Kike e a Samu, quen entraron polos dous sancionados.

Sen cambiar o debuxo habitual, os nosos saíron moi enchufados e iso percibiuse moi rápido. Non habían nin transcorrido dous minutos cando Darío tivo a primeira clara, nun man a man que sacou Saldaña co corpo. Pero é que ao tres, o primeiro da tarde xa estaba a imperar no marcador.

Samu roubou no centro do campo e conectou, desde o chan con Antas, este con Jordan e de primeiras para a subida de Riki Mangana, o centro parouno Mario Rodríguez na área pequena e Darío, só de marca, só tivo que empuxala á rede. Un golazo nunha fermosa xogada colectiva do equipo.

Coa inercia dese bo arranque, Jordan tería o segundo, ao trece, pero o seu disparo desde a frontal golpeou nun defensa e marchouse rozando o pau. E un máis tarde, o árbitro anulaba un gol de Fer Beltrán por fóra de xogo, tras o rexeite dun córner.

O dominio estaba claro e os asturianos non conseguirían estirarse ata preto dos vinte minutos, cando Javi Rei remataba unha falta, atrapada por Pato en dous tempos. Con todo, as ocasións eran branquiazuis e Mario, por moi pouco, non era quen de embocar coa punteira o servizo raso de Darío.

Sen máis puntería, o colexiado sinalaba o tempo de descanso con vantaxe pola mínima para un Compos que mostrara unha das mellores imaxes da tempada.

Á volta dos vestiarios, coa entrada de Jorge, o Avilés tentou irse arriba, presionando máis alto e tentando facer dano con percusións nas bandas. En todo caso, o Compos, ben plantado, conseguiu sacar calquera intento visitante, especialmente cun Pato moi seguro, que volveu deixar a portería a cero. A máis clara teríaa Isi Ros, no 55, despois dunha gran xogada de Primo, cuxo disparo golpeou na parte exterior do poste.

Pola súa banda, ante un rival máis envorcado, os branquiazuis tentaron aproveitar a súa velocidade arriba, nos contragolpes. Tentouno Mario, pero non foi quen de superar a Saldaña no man a man, aínda que o mellor estaba por chegar.

A entrada de Parapar achegou pernas frescas aos nosos e o atacante coruñés sería protagonista. A súa velocidade e caneo foi imparable para a zaga visitante e das súas botas partiron ata tres tantos.

No 72, froito dunha boa presión, a pelota golpeaba en Parapar e caíalle a Darío no segundo pau, marcando a portería baleira. E no 79, nunha gran internada entre central e lateral, coa dereita, puña o pase da morte, de novo, para que Darío, entrando desde atrás, selase o seu hat trick.

E xa no desconto, noutra carreira de Parapar, o extremo servíaa para que Cano, quen tamén entrou desde o banco, marcase o seu tanto, cun golpeo forte coa dereita, axustado á escuadra, 4-0. Coa felicidade da celebración acabaríase o partido.

Goleada para sumar a cuarta vitoria consecutiva, unha imaxe excepcional diante da afección e o equipo que vai a máis semana tras semana. Traballando, tocará agora viaxar a Palencia para tentar prolongar o bo momento.

FICHA TÉCNICA

4- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana, Kike, Pablo Crespo, Damián; Pablo Antas, Samu, Fer Beltrán, Jordan (Cano, m.72); Mario Rodríguez (Parapar, m.62) e Darío (Elliot, m.80).

0- REAL AVILÉS INDUSTRIAL: Saldaña; Javi Fontán (Alorda, m.72), Pedro Orfila, Morcillo (Guram, m.79), Jonxa (Jorge, m.46); Edu Cortina, Javi Rei, Isi Ros, Espina (Natalio, m.57), Sergio García; e Primo.

GOLES: 1-0: Darío, min.3; 2-0: Darío, min.72; 3-0: Darío, min.79; 4-0: Cano, min.90+1.

ÁRBITRO: Sáiz Pérez (Cantabria). Amoestou a Pablo Crespo, Darío e Samu, polo Compos; e a Isi Ros e Pedro Orfila, polo Avilés.

INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 12 do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado