
Dende a esquerda: Víctor Pazos, coordinador da base do Compos; José Francisco Cores, director deportivo do Puebla; Xosé Lois Piñeiro, alcalde de A Pobra; Javier García, vicepresidente da SD Compostela; e Nelson Barreiro, presidente do Puebla FC.
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022
A Sociedade Deportiva Compostela e o Puebla FC formalizaron onte un novo convenio de colaboración, co obxectivo de que ambos clubs crezan deportiva e socialmente, así como para impulsar a práctica futbolística no Barbanza, creando unha sólida estrutura de traballo e sinerxias para o futuro.
Tralas reunións mantidas nos últimos meses, ambos equipos alcanzaron un acordo mediante o cal o Compos axudará ao conxunto da Pobra do Caramiñal a impulsar e consolidar o fútbol base na localidade, así como a captación de xogadores da contorna.
Así mesmo, dentro dos clubs conveniados, os técnicos do Puebla poderán participar nas xornadas de formación que organiza a SD Compostela e asistir gratuitamente aos encontros que o conxunto branquiazul dispute no Vero Boquete. Do mesmo xeito, de ser o caso, algúns xogadores do Puebla poderán asistir a adestramentos co Compos.
A maiores, esta firma supón que ambas entidades coorganizarán eventos e actividades de intercambio, a realización de campus de fútbol base, clínics, cursos de tecnificación e partidos amigables, entre outros.
Para selar o acordo, estiveron presentes no Museo do Valle Inclán, por parte da SD Compostela, o vicepresidente, Javier García, e o coordinador da base, Víctor Pazos. Ademais, tamén participaron o director deportivo do Puebla, José Francisco Cores; o presidente do club, Nelson Barreiro; e o alcalde de A Pobra, Xosé Lois Piñeiro.
Compartir en Redes Sociales
CompartirRelacionado
© Copyright 2018 | SD Compostela
Aviso legal | Política de privacidad | Política de cookies | Términos y condiciones de compra