Controlar os momentos para volver gañar no fortín

  • Rodri apunta as claves para conseguir a vitoria ante o Bergantiños, un rival que avisa que poñerá as cousas moi difíciles aos nosos

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021

Este sábado (18.00 horas) chega ao Estadio Verónica Boquete un vello coñecido, un derbi que se converteu en especial nestes últimos anos. SD Compostela e Bergantiños disputarán un gran duelo no fortín, no que os nosos agardan volver á senda da vitoria, mantendo a boa dinámica como locais.

Rodri falou esta tarde en rolda de prensa para analizar o partido, destacando os puntos a mellorar para contrarrestar a un equipo que avisa que poñerá as cousas moi difíciles.

Declaracións destacadas.

Estado do equipo. Jimmy está co grupo adestrado e en principio están todos dispoñibles.

O rival. Analizamos ao rival esta semana e confirmo que seguramente os números e a clasificación están a quitarlle méritos a un equipo que fai moitas cousas ben. Xogaron moito tempo en inferioridade estes partidos, o que lle puido lastrar, pero aínda así competiron ben e xogando once contra once fixeron cousas moi boas.

Potencialidades do Bergantiños. Fan moi ben o xogo combinativo, é un equipo valente, que quere a pelota, que mete xente na área cando chega por fóra, ten bo un para un… é un equipo que fai cousas moi ben e temos que estar coas orellas de punta para poder competir contra eles.

José Luis Lemos. É unha persoa que vive moito o fútbol, co cal xa se toma moi en serio esta profesión e vindo aquí, quizais un pouquiño máis polo aspecto sentimental. El é un gañador, sei que sempre é valente á hora de expor os partidos e virá aquí, coma sempre, a tentar gañar.

Un adestrador coñecido. Coñecer ao adestrador dáche matices, pero os adestradores tamén evolucionan cos anos e Lemos é unha persoa que evolucionou. Ao principio era un pouco máis radical nas súas ideas, que lle gustaba moito o xogo combinativo, levándoo ás veces ao extremo, e agora manexa máis rexistros. Sempre digo del que ten unha lectura dos partidos moi boa e estou convencido de que fará unha boa preparación e poñeranos as cousas difíciles.

Experiencia ás súas ordes. De todos aprendes. A parte do fútbol combinativo collina del, de Yago, de Luís Santiago… Si que é certo que teño influencias tanto de Lemos como do resto de adestradores, polos anos que xa me podía expor ser adestrador e, sobre todo, porque me interesaba comprender o xogo. Preguntaba, fixábame nas tarefas e por que as faciamos… e agora téntalas extrapolar un pouco ao que a ti che gusta.

A xestión dos momentos. O que lles comentaba aos mozos esta semana é que facemos moitas cousas ben, pero fáltanos manexar un pouquiño mellor os momentos de cada partido. Si que é certo que en momentos somos quen de xestionar ben a pelota, xestionar o partido cara ao lado que nos interesa, pero noutras fases temos que madurar a nivel individual e colectivo para ser un pouquiño os que levan a voz cantante no partido.

Lección do último partido. Contra o Legánes, neses últimos minutos, o equipo é ambicioso, quere ir, nestas circunstancias da semana pasada o rival busca xa que o partido rompa, ves espazos, entón vas cara adiante… É un pouco o que comentaba antes, manexar mellor a lectura dos partidos e en determinados momentos madurar un pouco máis, ser quen de descansar con balón e non entrar no xogo de ataques nas dúas porterías porque en determinados momentos non che interesa.

O seguinte paso a mellorar. A lectura de partido. Oxalá sexamos quen de poñernos por diante no marcador rápido e despois oxalá sexamos quen de ler mellor o partido, e o que necesita o equipo en cada momento. Polo demais, estou contento con como estamos a comezar os partidos, como os estamos afrontando, a actitude dos mozos sempre é espectacular e agora o que nos toca é ter un pouco máis de cabeza fría en determinados momentos para tentar non pasar tantos apuros como o outro día.

Salado. Ponmo difícil. Estou moi contento con Toni, porque é un mozo que sempre está cun sorriso, sempre tentando achegar ao grupo, creo que se adaptou ben á posición de lateral. Evidentemente, Jimmy é un xogador moi contrastado, pero será unha decisión que vou ter que tomar, non sei se esta semana ou co paso das semanas. Quédanos un adestramento e terei que ver e pensar o que lle interesa ao equipo, pero o certo é que estou contento co que fixo Toni, porque nestas semanas que Jimmy estivo fóra non se notou tanto a baixa coma nun principio se puidese pensar.

Presenza de público. Que coincida o partido do Compos e do Obradoiro á mesma hora, evidentemente, é unha mala noticia e supoño que para o afeccionado tamén, porque moitos collerán o abono dos dous equipos e son os primeiros prexudicados. Con todo, non depende de nós. Temos que tentar brindarlle á xente que veña aquí e tamén á que non veña, que sabemos que está aí, un bo partido e tentar gañar, é o que único que podemos facer, porque hai outras cousas que nos superan a nós.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado