Continuar o camiño no Vero Boquete

  • A SD Compostela quere manter a senda triunfal no novo fortín branquiazul

Santiago de Compostela, a 30 de Novembro de 2018.

O Compos regresa este domingo ao Vero Boquete de San Lázaro coa meta de continuar pola senda que leva neste comezo de tempada. Os branquiazuis queren manter a dinámica no seu fortín, malia que para iso terán que superar a unha das sensacións do campionato, un Laracha CF que chega sétimo con 22 puntos.

Adestrados este curso por Óscar Gilsanz, os visitantes demostraron a calidade que atesouran neste comezo. “É un equipo con xente nova de moita calidade, combinada con outra con experiencia na categoría. Ademais, teñen novo adestrador, que coñece moi ben a liga, e que leva un inicio moi bo”, explicou Yago Iglesias na rolda de prensa.

Ese perfil de filial do Deportivo, con xogadores de primeiro ou segundo ano sénior, pon en alerta a un corpo técnico branquiazul que sabe que as condicións do Vero Boquete lle favorecen. “É un rival moi a ter en conta porque teñen moito dinamismo, con xente intensa que se asocia moi ben, tentan facer un bo fútbol e en campos grandes é onde mellor o poden facer”, remarcou.

Entre o plantel visitante, Yago destacou a calidade individual dalgúns deles, entre os que aparecen futbolistas que non teñen cabida agora no Fabril, pero si no futuro. “Teñen xogadores como Iago Novo ou Iago Blanco, un dos veteranos que chegou do Bergantiños, que poden desequilibrar a balanza co balón, e tamén a experiencia de Nacho, a quen coñecen moi ben aquí e que promedia 12/13 goles por tempada”, analizou.

En cómputos xerais, o técnico ribeirense definiunos como un equipo “xeitoso, que tenta facer un gran fútbol e que virá a San Lázaro a xogar de ti a ti”.

Para contrarrestalo, os branquiazuis buscarán facer do Vero Boquete o seu fortín, aumentando a dinámica tanto na casa como na liga, con sete xornadas sen coñecer a derrota. “Para nós é fundamental xogar en San Lázaro, polo tipo de xogo que propoñemos e no que estamos máis cómodos. Xa non é só pola afección, senón que por condicións ou distancia, aos rivais míngualles”, asegurou o técnico.

Os convocados, entre os que non estarán nin Mon, sancionado por acumulación, nin Alberto, que segue lesionado, buscarán a segunda vitoria consecutiva en casa. Si poden ser da partida Rubén, Josiño e Marcos Remeseiro, malia que cos dous últimos agardarase a mañá para decidir, xa que completaron este venres o seu primeiro adestramento.

Unha vez máis, co apoio de todas e todos, os nosos buscarán tres novos puntos no fortín, continuando así a senda iniciada no Vero Boquete fai quince días.

REY_5958

Compartir en Redes Sociales

Relacionado