O Compos volve sen premio de Luanco

Pablo Durán busca o disparo ante a oposición de Lora.

  • Os branquiazuis estiveron preto do empate, pero decidiu o tanto de Borja

Luanco, 6 de marzo de 2022

A SD Compostela volve sen premio de Miramar tras perder 1-0 contra o Marino de Luanco. Nun partido rifado, de moitas disputas, a contenda decantouse ao lado local mercé a un gol de Borja, no 75. O tanto do lateral, a pesar dos intentos branquiazuis, acabou por decidir o resultado final.

Trala dobre cita no Vero Boquete, a SD Compostela volveu á estrada para enfrontarse en Miramar ao Marino de Luanco. Dando entrada a Matías, Rafa Mella e Pablo Durán, para gañar poderío aéreo nun campo moi brando, o Compos buscaba regresar á senda triunfal.

Tendo claro que o verde asturiano non permitía ningunha relaxación, os nosos saíron con todo dende o principio, pendentes de todas as disputas e buscando facer dano ao espazo e nas xogadas a balón parado. Precisamente, por esta segunda vía, chegou o primeiro aviso branquiazul, no 5, nun remate de Primo, tras gañar o saque de banda, que sacou Buru co pé. Tres minutos máis tarde, de novo tras unha acción por banda dereita, o balón quedou morto na área para Fer Beltrán, pero o mediocentro do Saviñao, de volea, enviouna arriba.

Despois do dobre aviso inicial, o Compos foi a máis e comezou a merodear con maior asiduidade a área de Buru, con Pablo Durán moi activo por toda a fronte de ataque.

O de Tomiño, no 17, atopou o oco polo centro, despois dunha acción na que os nosos conseguiron fiar con rapidez unha xogada trenzada, armou o disparo coa zurda, pero este tocou en Lora e atrapou o porteiro. E á media hora, esta vez entrando desde atrás, chegou a un centro de Rafa Mella, aínda que o seu control foise cara a liña de fondo e non puido colocala entre o tres paus.

Con todo, a última da primeira metade sería para os locais, aproveitando un resbalón na área dun defensor compostelanista. Borja atopouse así no man a man con Pato, pero o porteiro uruguaio fíxose enorme e salvou co seu corpo o gol, un auténtico paradón.

Deste xeito, chegouse ao intermedio co resultado inicial, cun Compos ben asentado e adaptado ás condicións de Miramar.

Á volta do descanso, cos mesmos protagonistas, o campo notábase máis pesado e as accións de ataque cada vez eran máis escasas. Ambas defensas, moi sólidas, conseguían despexar cada intento de ataque, quedando todo pendente de xogadas illadas.

Nesa moeda ao aire, Steven conseguiu mandala á rede, no 62, pero estaba adiantado, tras a peiteada dun saque de banda. Esa posibilidade rozouna despois Borja, no 69, pero a súa vaselina sobre Pato despexouna ben Salado.

En todo caso, e tras unha aproximación do Compos nunha contra comandada por Escudero na que non conseguiu atopar a Parapar, á terceira foi a vencida para os locais, xa que, de novo Borja, entrando dende segunda liña, controlou o centro de primeiras de Morán e bateu a Pato por abaixo no man a man.

Quedaba un cuarto de hora por diante e o Compos buscou reaccionar ao golpe. Tívoa Escudero, no 83, nun balón rexeitado dunha falta que caeu no segundo pau, pero o dianteiro valisoletano, no seu disparo coa zurda, estrelouse contra o lateral da rede.

Nese tirón final, xa no desconto, os nosos estiveron de novo preto do empate, tanto nun centro lateral, no que Salado e Antas non foron quen de sortear a telaraña de pernas, como nunha contra, na que Escudero partiu en vantaxe ao espazo, pero escapóuselle o control na carreira.

Por iso, o marcador xa non se moveu e os tres puntos quedaron en Luanco. Nova derrota para o Compos como visitante, da que se tentará repor o vindeiro sábado, no Vero Boquete, contra o Llanera.

FICHA TÉCNICA:

1- CLUB MARINO DE LUANCO: Buru; Borja, Trabanco, Guaya, Dailos, Julio Delgado (Omar Álvarez, m.85); Matador (Morilla, m.85), Lora, Pinin (César Suárez, m.64); Luís Morán (Nino, m.85) e Steven (Sergio Ríos, m.72).

0- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Matías, Salado; Pablo Antas, Fer Beltrán, Jordan (Parapar, m.64); Rafa Mella (Josiño, m.80), Pablo Durán e Primo (Escudero, m.64).

GOLES: 1-0: Borja, min.75.

Árbitro: Álvarez Rodríguez (Castela e León). Amoestou a Roque, polo Compos.

Incidencias: Estadio Municipal Miramar (Luanco). Xornada 24 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF ante 500 espectadores, aproximadamente.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado