Competir como ata o de agora para seguir crecendo

  • Rodri ansía que o equipo mellore nos momentos do xogo para pechar mellor os partidos

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2021

De derbi en derbi. A SD Compostela medirase este domingo (17.00 horas) no Espiñedo ao CD Arenteiro coa misión de converter os dous empates anteriores en tres puntos. Os branquiazuis, coa premisa de seguir mellorando nos momentos do xogo, buscarán o primeiro triunfo como visitantes da tempada e, ao mesmo tempo, tamén nun partido de rivalidade.

Rodri analizou esta tarde na rolda de prensa a previa do encontro, destacando as potencialidades dun rival que considera moi complicado.

Declaracións destacadas.

Parte médico. En principio están todos ben. Jimmy e Saro xa levan unha semana e media e dúas adestrando, respectivamente. As únicas baixas son Fer e Rober, que tiveron uns problemas musculares e son baixa. Rafa Mella tivo molestias musculares, pediu o cambio a semana pasada, pero en principio foi froito do esforzo que fixo durante o partido. Descansou o luns, pero xa adestrou con normalidade e non debería ter problema.

Análise do rival. O Arenteiro é un equipo no que a maioría dos xogadores levan moito tempo xogando xuntos e cunha idea moi clara. Paréceme un equipo moi sólido, porque ten unha defensa con xente moi experimentada, que sabe moverse perfectamente e fai as cousas moi ben; un sistema moi claro, un 5-3-2 moi traballado; e despois ten xente moi competitiva. Sobre todo, teñen as ideas moi claras de que son fortes e execútano ben.

Solidez. Paréceme un equipo supercompetitivo e un equipo. Non destacado grandes individualidades, que tamén as teñen, pero o que lles puiden ver é un equipo moi sólido, un bloque moi compacto que nunca lle perde a cara ao partido e será un rival moi complicado, pero non só para nós, senón en todos os partidos, van vender as derrotas moi caras.

Potencialidades do rival. Paréceme un equipo moi completo, cunha idea moi clara e con xogadores para executala. Teñen dous dianteiros que normalmente van ao espazo, xogan ben eses balóns e xente que se proxecta ben en ataque dende segunda liña. Paréceme un equipo moi completo e logo ten rexistros, futbolistas por dentro que non vou descubrir agora mesmo, que xogaron moitos partidos en Segunda B e que se teñen que levar o peso do xogo en combinativo son quen de facelo. Paréceme un rival moi complicado, con distintos rexistros, pero sobre todo quédome con que son un equipo que levan moitos anos xogando dunha determinada maneira e fano moi ben.

Xeira coma local. É un equipo que compite moi ben. Independentemente das circunstancias que se atope ou do que lle propoña o rival, compite os noventa e tantos minutos. A afección alí tamén empuxa moito, é moi ruidosa e iso contáxialles e son un rival moi complicado.

Traballar os momentos do xogo. Sobre todo, seguimos pelexando un pouco co mesmo. Creo que esta semana nos volveu a faltar saber pechar o partido. O equipo traballa moi ben as transicións, somos verticais e agora temos que seguir traballando nos momentos do xogo, saber cando temos que correr e cando nos convén máis poñerlle un pouco de pausa, para facer vir ao rival e volver facerlles dano, ou simplemente só porque nos veña ben descansar con balón en determinados momentos. Insistir un pouco niso, incidir no xogo de posición.

As primeiras partes. Evidentemente, estou encantado de como está a afrontar o equipo as primeiras partes. Oxalá sexamos quen de manter ese nivel e ese ritmo. Despois, seguir insistindo para que a segunda se pareza o máximo posible ao que estamos a facer nestes partidos nas primeiras partes.

Igualdade. Quédame a sensación, sobre todo, de que nestes dous partidos fixemos merecementos para polo menos gañar un, non sei se os dous, pero un si. As dinámicas son importantes no mundo do fútbol, empezar ben e canto máis arriba poidas estar e máis puntos teñas, iso non cho quita ninguén. Esta categoría vai ser moi complicada, porque está todo moi igualado, podes perder en calquera campo e isto o que me demostra é que tes que estar enchufado os 90 minutos, porque no momento no que te despistes, os rivais teñen calidade e pódenche facer dano. Evidentemente, estamos a pelexar para estar arriba dende xa, creo que imos nunha dinámica positiva e temos que seguir traballando con humildade e coas mesmas gañas como estamos a facer para manternos aí.

Últimos empates. Dóenme os dous. En Leganés fixemos unha primeira parte moi boa, na segunda pasamos un intre malo e cando xa superaramos o aluvión de xogo do Leganés, que me parece un equipo moi potente para esta categoría, é cando encaixamos o gol, polo que me levei un xerro de auga fría. E o outro día, igual. Tiven a oportunidade de volver ver o partido un par de veces e creo que merecemos, por ocasións, gañar o partido. Dos dous leveime un sabor agridoce, pero tento sacar a parte positiva e tamén tento ser autocrítico, porque creo que, aínda que fagas as cousas ben, hai outras que tes que mellorar e iso é co que quedo. Seguir traballando para que esas cousas que non facemos ben, poder facelas mellor.

Obxectivo da tempada. O meu obxectivo é competir e se o facemos ao nivel que estamos agora imos estar arriba, pero despois hai outros factores que non podes controlar, como poden ser as lesións ou a sorte. Hai cousas que nos superan a todos, pero creo que o equipo se compite como o está facendo agora, creo que seremos un rival moi difícil de vencer.

Rotar na portería. Creo que a posición do porteiro é importantísima, xa non só para o adestrador, pola seguridade que me dá, senón tamén para a defensa. Creo que temos dous  porteirazos. Neste caso apostei por Pato e a miña intención é seguir facéndoo, pero falei con  Casti fai 15/20 días, comentoume o tema de Borja e creo que é positivo que siga porque ten moito futuro e creo que o futuro do Compostela debería pasar por el cando Pato non estea.

Defensa con balón. Somos un equipo que temos que tentar defender con balón, porque polo ADN dos nosos futbolistas se non o temos sufrimos, cústanos un pouco máis. Estamos a traballar ese aspecto, de que o equipo se atope cómodo cando non a teña, pero a día de hoxe aínda non fomos quen.

Posible once. Con Roque estou moi contento, evidentemente comete erros de mocidade, pero iso darallo a experiencia. En principio, teño unha idea, máis ou menos, da xente que quero que xogue, pero si que me falta darlle un par de voltas para definir o once final.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado