Buscar un ritmo alto para volver á senda da vitoria

  • O Compos buscará lograr a vitoria de novo ante o seu público contra o Marino de Luanco

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021

A SD Compostela regresa este domingo ao Vero Boquete e quere facelo cunha vitoria. Os nosos mediranse contra o Marino de Luanco, o domingo ás 17.00 horas, coa premisa de volver sumar de tres no fortín.

Rodri analizou esta tarde a previa do encontro, destacando a importancia de dominar o xogo e meter un ritmo alto ao partido para estar máis preto de gañar.

Declaracións destacadas.

Estado do plantel. En principio, están todos dispoñibles menos Fer Beltrán e Roberto Baleato, que se están recuperando das súas lesións. Despois, hai xente que temos con problemas e ata última hora non saberemos o estado real. Tanto Rafa Mella como Jordan sufriron dous golpes en Arenteiro e a día de hoxe están a adestrar apartados do grupo, polo que ata última hora non saberemos en que condicións están e en función diso decidiremos.

Competitividade. Convencer, convéncenme todos. Cada un ten os seus matices e hai estados de forma, pero estou encantado coa implicación de todos os xogadores, do primeiro ao último. Este ano temos trinta e pico xornadas, o ritmo ou a intensidade que lle queremos meter cada domingo é moi alta e, evidentemente, imos ter que empezar a cambiar futbolistas e que xente que se cadra se está merecendo xogar 60, 70, 80 minutos, que saian de cara.

O Marino. Sen ir máis lonxe, este equipo gañounos o ano pasado 0-1 aquí no Vero Boquete. É un rival que ten fortalezas, que ten debilidades e o máis importante é volver ser nós mesmos, volver a un ritmo de xogo moi alto, con e sen balón, e tentar aproveitar o que estivemos a traballar esta semana para poder facerlles dano e ter un resultado favorable.

Onde facerlle dano. Creo que, se somos quen de meterlle un ritmo alto de xogo, vailles custar. Teñen futbolistas que levan o peso, que xa demostraron moitas cousas no mundo do fútbol, pero que son máis veteranos. Queremos buscar un ritmo de xogo moi alto, porque cremos que van sufrir máis. Evidentemente, se é un partido pausado e están cómodos, teñen futbolistas que nos poden facer dano movendo a pelota. Temos que tentar que esa xente estea incómoda e creo que pasa sobre todo por meter un ritmo de xogo alto, tanto á hora de atacar como de defender.

Potencial do rival. Por dentro teñen xente con bo manexo de balón e arriba teñen a Stiven, un mozo cedido polo Oviedo, que fai bos desmarques de ruptura e é perigoso. Temos que tentar meter un ritmo alto, para que eles non estean cómodos, non poidan levarnos a ese ritmo lento e pausado que lles gusta, porque aí manéxanse ben, circulan ben a pelota e teñen as cousas moi claras. O que levamos insistindo durante toda a pretempada, fisicamente estamos moi ben e temos que aproveitar ese estado de forma.

Dominar o encontro. Levámolo traballando dende principio de ano, tentamos darlle un cambio pequeno para ser un pouco máis verticais e agora estamos a incidir moito máis na posesión, sobre todo ante rivais que poidan vir encerrarse un pouco máis e buscar a transición. Creo que temos que mellorar nese aspecto, para poder xestionar mellor a pelota, ocupar mellor os espazos e facerlle dano ao rival.

Diferenza entre partes. Creo que iso cho dá a madurez. Esta última semana atopámonos un rival que nos esixiu moito, sobre todo na parte física, un fútbol de moito contacto e custounos. Estamos a traballar niso, porque para min a prioridade era que o equipo fose máis vertical, pero agora toca manexar outros rexistros. Vendo os futbolistas que viñeron no verán, cría que por aí, traballar iso, ía dar rédito máis rápido e así foi ata o día de hoxe, creo eu, e agora temos que incidir no xogo de posición para rivais que veñan expoñer un pouco menos e, sobre todo, para as segundas partes para poder madurar moito máis o xogo, madurar ao equipo contrario, afundilo, que estean a sesenta metros da nosa portería e que lles custe máis en caso de querer facer algunha transición.

Os últimos empates. Somos ambiciosos e estes tres últimos empates, por exemplo, o equipo, e así mo demostrou, saíu a gañar. Despois, por circunstancias, non fomos quen. O equipo en ningún momento lle perdeu a cara, quixemos apertar alto sempre, expoñendo, buscando a portería rival, pero despois, evidentemente, temos aspectos que mellorar e o rival tamén xoga. A parte están os momentos de xogo, se cadra un pouquiño a sorte, a madurez e a experiencia, que agardo coas xornadas ir adquirindo.

O obxectivo: competir sempre. O que quero é gañar, a intención de todos é saír a gañar. A nosa intención e como expomos os partidos, todos os domingos, é para gañar, nunca vou saír a un campo para empatar nin a especular. Teño as ideas claras e imos saír a tentar gañar. Seremos quen ou non? Pois o que comentei moitas veces, confórmome con que o equipo compita, porque se o facemos ao nivel que estamos capacitados, imos perder poucas veces. O máis importante, e o resumo de todo, é que todos os que estamos no vestiario saímos a todos os campos a gañar.

Dominar os tempos. Temos que ter claro que o rival tamén xoga e que isto non ía ser un paseo. Todos os equipos queren gañar, todos teñen as súas fortalezas, todos che van a meter en dificultades e o que temos que facer nós é contrarrestar iso e traballar, para que os momentos nos que o rival nos está esixindo máis, ser quen de arrefriar o partido e levalo ao noso terreo. Doulle importancia relativa porque detectamos onde pode estar o “problema” e estamos a traballar niso, para que canto antes non nos volva a suceder.

Tentar gañar cada partido. O meu obxectivo é competir todas as semanas. Son ambicioso e claro que me gustaría. O obxectivo real, non o sei, pero dende o momento no que me metín neste proxecto, o meu obxectivo é gañar cada domingo e se o logro, serei o campión de liga. Se cadra son un iluso, pero é polo que vou traballar e é o que vou tentar. Despois a competición poñeranos onde nos merezamos, oxalá sexa o máis alto posible. O que me gustaría é que cada xogador, en cada adestramento e en cada partido, dea o 100 %.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado