Borja Rey: “Síntome moito mellor porteiro que cando cheguei en agosto”

  • Tralo seu debut, o arqueiro compostelanista alaba a gran tempada do Compos e o moito que creceu a nivel persoal nela

Santiago de Compostela, a 5 de Maio de 2021.

Malia que non puido ser con vitoria, Borja Rey debutou o paso domingo na Segunda División B e nun partido oficial coa SD Compostela. O porteiro santiagués viviu unha gran experiencia, froito do traballo de todo o ano, e séntese moi agradecido. Axudando sempre a Pato, asegura que esta tempada foi a de maior crecemento persoal, en todos os sentidos.

Sensacións. Sentinme moi ben, tíñalle algo de respecto, ao principio, ao partido, por ser o debut no Vero Boquete, pero co paso dos minutos, aínda que oxalá fose cunha vitoria e coa portería a cero, as sensacións foron boas.

Partido do sábado. Creo que podo xogar, pero non se sabe, hai que traballar para merecelo durante toda a semana.

Apoio de Pato e Yago Iglesias. Cando chega o momento de que espero que vou a debutar é nestes últimos partidos. Pato, durante todo o ano, pero agora máis, dáme moitos consellos e agradézollo, porque sempre me axudou, e eu a el. Se estes días estou debutando e teño boas sensacións, en parte, é grazas a el. E despois, Yago tamén me apoiou moito e cando me di que vou a debutar tamén me deu indicacións. Estou moi agradecido pola confianza, porque non creo que regale minutos a ninguén.

Indicacións deles. Sobre todo, Yago deume indicacións tácticas e técnicas, porque quere ver reflexado o seu plan de partido no campo, mentres que Pato, ao ser compañeiro e amigo, apoioume máis no aspecto sentimental, comentándome de que fixese o que sei e que estivese tranquilo.

O gol encaixado. Penso que no gol, encárame con facilidade, porque chega nunha acción na que saltamos mal á presión, pero penso tamén que quixen aguantar moito máis de pé. O demais foi que ma colou polo único sitio que podía, porque estaba cerradísimo, pero ao final é un mal axuste por parte de todos.

Crecemento persoal. No ámbito persoal, repetiría esta tempada, sen dúbida, aínda que sexa con poucos minutos. Do que levo xogado ao fútbol, na miña curta carreira, foi o crecemento persoal máis grande que vin en min. Penso moito no que puiden mellorar ou empeorar, e simplemente todo foi a mellor, tanto a nivel técnico, táctico coma mental, porque síntome moito mellor porteiro que cando cheguei en agosto, polo que o repetiría mil veces. Tanto por compañeiros, corpo técnico e por min, síntome moi ben, moi a gusto e foi unha tempada de dez non, de once.

O nivel do equipo. A primeira fase pasou moita factura. Entramos nun grupo no que os dez equipos che esixían ao máximo e partidos como o Deportivo, Racing ou Pontevedra son dunha esixencia terrible e aí o equipo estivo de dez. A semana que gañamos en Pontevedra, foi unha semana de calma, pero o seguinte domingo xa había que estar a tope. Co obxectivo acadado en Zamora, aínda que queiras que non, estar ao 100% é moi complicado e encarar os últimos encontros é difícil. Pode ser que haxa algo de relaxación en certos momentos dos últimos encontros, pero é normal, porque a esixencia da primeira fase foi brutal.

Futuro do plantel. Hai un pouco de incerteza de como quedarán as cousas, porque moitos xogadores acaban contrato, polo que Casti terá un duro verán para conformar o plantel. Por min, oxalá sigan todos, porque é un grupo brutal, tanto o míster como o propio equipo, pero por agora respírase tranquilidade, porque é un vestiario onde se fala todo abertamente. Ao final, a xente ten que buscar o seu futuro, se sae unha oferta máis atractiva ou que pensa que é mellor, porque non vas a ir, o fútbol é así. Podes terlle un cariño especial ao Compostela e recordalo como unha moi boa etapa, porque acadouse un ascenso e unha gran tempada en Segunda B, e Santiago merecía algo así, pero ao final o fútbol trátase tamén de crecer.

Adaptación ao estilo do Compos. Cando fichei no Compos, o que tiña na cabeza era que Pato, sendo un gran porteiro, partía coa vantaxe de ter moitos anos ás súas costas, coñecer xa ao míster e adaptarse moi ben ao estilo do equipo. Por iso, ao principio, o obxectivo foi adaptarme ao Compostela, porque non estaba ao ritmo deles, e aí intentaba aprender de Pato, preguntándolle moito, e a cabeza estaba no adestramento, en crecer, esforzarme e deixar a pel. Co paso do tempo, estando máis adaptado ao que é o Compos, desfrútoo moitísimo.

O vestiario. Foi brutal. Non vivira nunca algo así, nin no fútbol base. É como ir a comer coa familia, é incrible. En parte, é grazas aos que levan máis anos aquí, hai xente que xa leva tempo aquí e para min é espectacular o trato que hai, lévanse todos xenial e ademais todos me acolleron moi ben.

O formato da Segunda RFEF. Xa parece que volve a normalidade de cara a tempada próxima, pero vai ser igual de esixente, porque os equipos que ascenderon dos galegos van a poñer as cousas moi difíciles e os que seguen serán moi complicados. A esixencia será brutal tamén, aínda que sendo máis xornadas, pódense permitir certos traspés, pero poucos.

A figura de Yago Iglesias. O trato con Yago, dende o primeiro día, foi moi bo. O meu obxectivo principal, ao principio, era o adestramento, e el dicíame que me fose adaptando, que non tivese medo a probar nin a errar, porque viña doutro equipo que non xogaba así. Ao meu parecer, é un adestrador que ten as cousas moi claras, que lle da moita importancia á semana, a cada minuto do adestramento e se debuto, ao final, é porque cre que o merezo. Definiríao un adestrador xusto e de semana, por así dicilo.

Borja Rey, durante o partido deste pasado domingo contra o Marino de Luanco. Foto: Amadeo Rey.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado