Borja Rey, primeira fichaxe para a tempada 20/21

  • O porteiro santiagués, de 21 anos, procede do Arenteiro e firma por dúas campañas

Santiago de Compostela, a 2 de Xullo de 2020.

O proxecto da SD Compostela para a tempada 2020/21 xa ten á súa primeira peza. O cadro branquiazul acaba de pechar a contratación do porteiro santiagués Borja Rey Ramos (20/01/1999) para os dous próximos cursos.

O gardameta de 21 anos, que procede do CD Arenteiro, equipo no que militou na última campaña, vén sumarse a un proxecto que desde os seus comezos apostou por xogadores da casa, novos e con moita proxección, unhas características que encaixan á perfección coa figura do novo arqueiro compostelanista.

A súa axilidade baixo os paus e a súa habilidade para sacar o balón xogado cos pés foron valorados pola dirección deportiva para fichalo por dous anos, independentemente da categoría na que se atope o equipo.

Na súa curta carreira deportiva como sénior, Borja disputou 31 partidos (2.700 minutos) coa SDC Ordes, en Rexional Preferente, na tempada 18/19; e outros catro co CD Arenteiro, en Terceira División, na 19/20. Xustamente, o parón, e posterior cancelación da competición ligueira, coincidiulle a Borja co seu momento de maior protagonismo no cadro ourensán, despois de disputar os últimos tres encontros ao completo. Deles, un acabou en vitoria e dous en empate, encaixando soamente dous tantos.

Anteriormente, en categorías inferiores, Borja destacou nos equipos punteiros da capital galega, o cal lle abriu as portas da base do RC Deportivo da Coruña. Logo dun ano de xuvenís na Coruña, o  picheleiro regresou á súa cidade para disputar os seus dous seguintes cursos no Santiago CF de División de Honra.

Así, a SD Compostela conta xa cun porteiro para o próximo curso, o que se agarda que sexa o do regreso á Segunda División B. Por iso, Borja, que comezará a adestrar co equipo cando arrinque a próxima pretempada, apoiará aos nosos, coma un seguidor branquiazul máis, durante a disputa do playoff exprés que se xogará en Balaídos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado