Borja Rey, dous anos máis de branquiazul

Borja Rey e Manu Castiñeiras, director deportivo da SD Compostela, trala firma do acordo.

  • O porteiro santiagués renova por dúas tempadas máis, ata a 2023-24

Santiago de Compostela, ao 5 de outubro de 2021

A SD Compostela e Borja Rey alcanzaron un acordo para ampliar o contrato do porteiro santiagués por dúas tempadas máis, ata 2023-24.

O arqueiro de 22 anos, quen asinou no club xusto antes de lograrse o ascenso á Segunda B, cumprirá, alomenos, catro tempadas na entidade.

Coa súa firma, a SD Compostela asegúrase a continuidade dun porteiro con gran proxección, da casa e que, cando tivo a oportunidade, demostrou as súas enormes calidades. Dende a súa chegada, Borja non parou de crecer, mostrando a súa axilidade baixo os paus e unha gran saída de balón, como se puido comprobar nos dous últimos encontros da pasada campaña, no que era o seu debut na Segunda B. Neles, ata detivo un penalti, ante o Langreo. Ademais do ámbito deportivo, o mozo santiagués tamén demostrou unha calidade humana extraordinaria, sendo plenamente partícipe do bo ambiente grupal.

Tras pechar o seu novo contrato, Borja Rey mostrou a alegría que sente por seguir ligado ao club dous anos máis. “Para min significa seguir dous anos máis na casa, xa que tanto directiva, corpo técnico como compañeiros fanme sentir moi querido e moi a gusto aquí. Éncheme de alegría poder seguir vinculado ao Compos dous anos máis, por todo o que significa o club, por ser a miña cidade e estar preto da miña familia. Devolvereille a confianza ao club con máis traballo e cando dispute minutos tentarei facelo o mellor posible e deixarei todo o que teña no campo”, explica o porteiro.

Clínica Baltar.

Esta renovación vén da man tamén da continuidade de Clínica Baltar, o seu patrocinador oficial, unha campaña máis. O prestixioso centro de Alfredo Brañas será a Clínica Dental Oficial do club na tempada 2021-2022.

Froito desta unión, dende Clínica Baltar, coñecedores da importancia dunha correcta saúde bucodental dende idades temperás e co obxectivo de promover unha adecuada saúde oral e mellorar o rendemento deportivo, ofrecen unha revisión bucodental completa de balde.

Ademais, os abonados e abonadas do Compos, así como os familiares directos de todos os xogadores da entidade (dende biberóns ata o primeiro equipo), poden gozar de descontos do 15% en tratamentos básicos de odontoloxía como limpezas, obturacións e extraccións, así como un 10% de rebaixa en tratamentos de ortodoncia, implantes, periodoncia, endodoncia e estética dentofacial.

Para calquera consulta ou solicitar cita previa, facilitan os teléfonos de contacto 981 06 82 35 ou 679 94 54 13, á atención de Pilar.

Sorteo.

Con esta dobre noticia positiva, esta noite lanzarase o sorteo dunha camiseta de Borja Rey nas redes sociais do club. Para iso, haberá que contestar correctamente á pregunta exposta e seguir as contas oficiais da SD Compostela e de Clínica Baltar.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado