Bicho volve ao Compos para gozar do fútbol

  • O mediapunta regresa ao club co que disputou a segunda volta da tempada 15/16

Santiago de Compostela, a 22 de Xaneiro de 2020.

Javier Fernández Abruñedo (20/02/1996), máis coñecido como “Bicho”, é novo xogador da SD Compostela. O mediapunta sadense, que se atopaba sen equipo, firma por media tempada, prorrogable a outra máis, coa misión de volver gozar xogando ao fútbol. Deste xeito, o corpo técnico completa o plantel co xogador que desexaban, nun curso que agardan que sexa o do regreso á Segunda División B.

Bicho achegará “calidade, último pase e bo golpeo de balón”, calidades que foron valoradas pola dirección deportiva para afrontar a fichaxe dun futbolista “que se adapta ao estilo de xogo combinativo do Compos”.

O xogador regresa así ao club no que disputou a segunda parte da campaña 2015/16, no grupo 1 da división de bronce. Pese ao descenso do conxunto ao final do curso, Bicho mostrou os seus dotes futbolísticos, a pesar da súa mocidade, nos dezasete encontros (catorce como titular) que disputou co conxunto branquiazul. Ademais, nese tempo, anotou dous tantos, en senllos triunfos compostelanistas.

Anteriormente, Bicho despuntou na base do RC Deportivo da Coruña, ao que chegou en idade Alevín, queimando etapas en todas as categorías inferiores ata chegar ao primeiro equipo con tan só dezasete anos. Dirixido por Fernando Vázquez, participou en seis encontros de Segunda División e un de Copa do Rey, nun conxunto que logrou o ascenso á Primeira División. As súas convocatorias cos maiores, alternounas coas do filial, no que xa debutara o curso anterior. En total, xogou vinte e catro duelos e un Playoff, no que quedaron apeados contra El Palo.

No verán de 2014, faría por primeira vez as maletas para fichar polo FC Barcelona B, que tamén estaba en Segunda División. Na cidade condal, ás ordes de Eusebio Sancristán, foi unha peza chave para o equipo, aínda que tralo cambio de técnico gozou de menos oportunidades. Finalizou a campaña con dezaoito encontros disputados.

Ao curso seguinte, e tras un inicio no que xa comezaron a marcarlle as lesións, pasaría medio ano na capital galega, na que deixou moi bo sabor de boca coas súas actuacións, marchándose no verán de 2016 ao Racing de Ferrol, de Segunda B, no que coincidiu con Brais Abelenda. Cos ferroláns disputou 36 encontros, entre Liga e Copa do Rey, nos que anotou catro goles, deixando para o recordo o tanto de escorpión que lle marcou ao Palencia.

Tras este gran ano e medio, regresaría á disciplina do Deportivo, no que xogou as súas dúas últimas campañas en Segunda B, a primeira delas con fase de ascenso incluída á Segunda División. A pesar dos problemas coas lesións, que o apartaron dos terreos de xogo en varias ocasións, participou en vinte e tres partidos.

Nese punto, xuño de 2019, parouse momentaneamente a carreira deportiva de Bicho, a cal tentará relanzar a partir de agora ás ordes de Yago Iglesias. Con 102 encontros de bagaxe, e máis de cinco mil minutos, entre Segunda División, Segunda División B, Copa do Rey e dúas fases de ascenso, así como outros 24 en Terceira División, o sadense achegará calidade e experiencia a un Compos que marcha primeiro no grupo 1 da Terceira División.

Con Bicho, o plantel queda pechado en dezanove xogadores, os mesmos que arrincaron a campaña, sendo a décima fichaxe desde o pasado verán para o cuarto proxecto de Yago Iglesias á fronte do equipo. Con este grupo, os nosos buscarán completar ese “Camiño á Segunda B”.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado