Bicho: “Temos moitas gañas do partido polo rival que é”

  • O mediapunta sadense apunta que queren desquitarse do partido da primeira volta e tomarse tamén o desquite do playoff de hai uns anos
  • En canto ás posibilidades de meterse no grupo de cabeza, avoga por centrarse en sacar os tres puntos e despois pase o que teña que pasar noutros campos

Santiago de Compostela, a 24 de Marzo de 2021.

Centrados no partido do domingo, a SD Compostela quere tomar o desquite deportivo contra o Salamanca por partida dobre: pola derrota da primeira volta e polo playoff de hai uns anos. Con esa pretensión, apunta Bicho, o equipo buscará os tres puntos, máis tranquilos, que non relaxados, despois de lograr o obxectivo. Agora, con ilusión, avoga por gañar e que despois pase o que teña que pasar nos outros campos.

Gañas de que chegue o partido. Temos moitas gañas de que chegue a última xornada da primeira fase. Tivemos unha semana de parón, que a ninguén lle gusta nesta época da tempada, porque corta un pouco a traxectoria, pero xa quedan catro días para o partido e temos moitas gañas de que chegue o domingo.

Respirar máis tranquilos. Estas semanas atrás, antes dos partidos contra o Celta B ou o Zamora, estabamos, polo menos eu, un pouco con esa ansiedade de lograr o obxectivo. Agora podemos respirar un pouco máis tranquilos, pero nunca relaxarnos, porque agora vén outra etapa moi bonita. O que quere o equipo é poñerse outra meta, que é ascender á Primeira Federación, e se seguimos nesta liña creo que temos moitas posibilidades.

Probabilidades. Temos moi poucas posibilidades, pero mentres siga habendo, cousas máis raras se viron no fútbol. As posibilidades pasan por gañar o noso partido, polo que temos que centrarnos niso e despois xa veremos o que pasa nos demais campos.

O rival. O Salamanca é un dos equipos máis en forma nesta segunda volta. Levan moitos puntos, porque estaban últimos ao final da primeira volta e nunha situación complicada, mentres que agora están preto de equipos como Coruxo ou Pontevedra, que levan bastantes puntos. Será un partido moi complicado, todos nos xogamos algo e temos que afrontalo con moito respecto, como todos os partidos, pero sen ter medo. A nosa clave é gañar o partido e logo xa veremos o que pasa noutros campos.

Ánimo de desquite. Temos moitas gañas do partido tamén por ser o rival que é, pola historia que ten o Compos co Salamanca, con aquel playoff de hai uns anos e o partido da primeira volta que, xunto co de Unionistas, foron os peores da tempada.

Desquite deportivo. Está claro que foi a derrota máis avultada da tempada. Saímos con mal sabor de boca de alí, aínda que tamén xogamos despois do temporal que afectou a toda España e o campo estaba practicamente imposible para xogar. Por todo iso, temos gañas de tomarnos un desquite deportivo.

Previsión do que pode pasar. O que quero é que nos podamos meter, pero senón pode pasar calquera cousa. O Dépor se gaña pódeo ter máis fácil, pero Unionistas e Celta B dependen deles mesmos e o Racing tamén está aí con moitas opcións. O que quero é que pase todo o necesario para meternos nós e o outro posto dáme igual.

O formato. Este sistema de competición todos os meus amigos ou familiares din que é moi bonito e atractivo, pero tamén entendo o que dixo Michel Alonso. A min, persoalmente, está a gustarme, coa tensión de cada partido, porque para os xogadores, aínda que sexa difícil de afrontalo, tamén é bonito competir así cada semana.

Situación persoal. Levaba varias tempadas complicadas, entre lesións e estar parado sen equipo. Ademais, o ano pasado, cando empezaba a coñecer aos compañeiros e ao míster, parouse todo pola pandemia. Agora estou a gozar moito e está a ser un ano moi bonito, tanto no persoal como no colectivo, porque están a saír as cousas moi ben. Estou moi contento de estar aquí.

A fascitis. Levo un par de meses sen molestias na fascitis. Foi complicado ao principio, porque estiven varias semanas parado e un mes con molestias despois de cada partido, pero xa fai un par de meses que non teño problemas.

Bicho, no partido da primeira volta. Foto: Manu Laya.p

Compartir en Redes Sociales

Relacionado