Baleato: “Na casa temos que ser fieis ao noso estilo e centrarnos en nós”

Roberto Baleato, centro, con Javier Nicolás, xerente de As Cancelas, e Miguel Fernández, director de marketing do Compos; na exposición de Futbolísimos do Centro Comercial.

  • O mediocentro de Bembibre apuntou que o equipo ten que aprender da situación das últimas semanas para que cheguen os resultados

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022

Na exposición de Futbolísimos do Centro Comercial As Cancelas, Roberto Baleato analizou a previa do derbi deste domingo, no Vero Boquete, contra o Arousa. O xogador de Bembibre apuntou que o equipo ten que aprender dos erros para sacar adiante esta situación nas catro últimas xornadas, nas que aínda é posible loitar polo obxectivo do playoff. Con iso en mente, avoga por ser o Compos da casa, fiel ao seu estilo, para conseguir os tres puntos ante os de Vilagarcía.

Un escenario moi diferente. O escenario cambiou bastante, nos últimos meses os resultados non chegaron e non nos permitiron seguir en postos de playoff. Somos conscientes do momento no que estamos, quedan catro partidos e temos na nosa man poder alcanzar o obxectivo. Imos con toda a ilusión do mundo, con moitas gañas, esperamos que os resultados cheguen e que consigamos entrar no playoff.

Igualdade na táboa. Nas últimas xornadas a clasificación sufriu unha compresión importante e estamos cerca de todo. Estamos moi centrados en mirar para arriba, porque é de onde vimos e o obxectivo que nos marcamos a principio de tempada, pero conscientes de que non podemos perder de vista o que pasa por abaixo, porque tamén está moi pretiño. Todo pasa por este partido na casa sacar un bo resultado, que nos dea un pouco de osíxeno e que nos achegue ao obxectivo principal, que é estar no playoff.

Aprender dos erros. Hai días que igual non estás moi ben e sacas o resultado, mentres que noutros fas moitas cousas para gañar e non chega. Nas últimas xornadas, dalgún partido saímos con sensacións moi negativas, porque se nos escapou facendo moitas cousas para conseguir os tres puntos. Cando sucede varias veces, tes que reflexionar e saber que é o que pasa. Aprender dos erros, do que nos estivo pasando nas últimas xornadas e que non volva suceder.

Analizar a situación actual. Se o enfocamos para aprender, mellorar e corrixir, será positivo. Se simplemente pensamos no malo e que nos volverá pasar, será negativo. Temos a suficiente madurez para ver cales son os erros, o que temos que corrixir e sacar beneficio diso. É o que imos intentar.

O Arousa. Coñecemos a Luisito, tamén ao Arousa, e están nunha situación complicada e quédanlle catro xornadas para revertela. O cambio de adestrador sempre che xera unha certa revolución, niso Luisito é un experto, porque é quen de aportar moita enerxía aos xogadores en momentos complicados. Agardamos un partido moi complicado, un Arousa que virá a por todas, pero temos que ser quen de sacar os tres puntos e mellorar a nosa situación.

Partido da primeira volta. Recordo un partido moi complicado, o campo nun estado que non permitía xogar demasiado e eles fixeron cousas para estar en disposición de gañar o partido.

Xogar na casa. Somos o Compos, imos xogar na nosa casa e manteremos a nosa identidade. Sabemos que un dos puntos fortes do Arousa será a súa enerxía, que virá a morder, pero no Vero Boquete temos que ser o Compos da casa. Aínda que tivéramos malas actuacións, temos que ser fieis ao noso estilo, ao noso fútbol e centrarnos en nós.

Estado físico. Considero que estamos ben. Hai algún problema físico, algo normal en calquera equipo, pero estamos ben, chegamos ben a esta recta final e o noso campo ten que beneficiarnos nese aspecto, porque ao rival ten que se lle facer grande e que se cansen para que non cheguen frescos ao final.

Centrarse no traballo propio. Mentres que nós saquemos os nosos resultados, non haberá problema. Confío en que se sacamos bos resultados nestes catro partidos imos acabar en playoff. Si que é certo que nas últimas xornadas tamén se mira o que fan os demais, porque a veces non depende só de ti. En todo caso, confío en que se o equipo é quen de sacar os partidos adiante, non imos ter problema para conseguir o obxectivo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado