Axel Lim: “Debutar deume un impulso psicolóxico moi grande”

Axel Lim, no partido contra o Marino de Luanco. Foto: Amadeo Rey.

  • O extremo séntese moi agradecido por poder fichar polo Compos e polas oportunidades que tivo e asegura levar unha experiencia incrible
  • De cara ao ano que vén, quere gozar da División de Honra e estudar Odontoloxía na USC

Santiago de Compostela, a 4 de Maio de 2021.

No seu primeiro curso como xogador da SD Compostela, Axel Lim foi peza capital para o ascenso do Xuvenil A a División de Honra e, ademais, disputou dous encontros co primeiro equipo, ambos no Vero Boquete de San Lázaro. Por iso, séntese moi agradecido por poder fichar polo Compos e polas oportunidades que tivo, levándose unhas experiencias inesquecibles. Para a tempada que vén, quere gozar da nova categoría e estudar Odontoloxía na USC.

Primeiro ano no Compos, sendo xuvenil de segundo ano, ascenso a División de Honra e dous partidos en Segunda B. Agardábaste isto ao fichar pola SD Compostela? Alégraste de tomar esta decisión?

A verdade é que non mo esperaba, pero si que o tiña como obxectivo a longo prazo. Por iso, estou moi feliz e súper agradecido de tomar a decisión de fichar polo Compos, non me arrepinto de nada.

Que supuxo para ti, persoalmente, debutar co primeiro equipo e nunha categoría como a Segunda División B?

Debutar significou moito para min, porque me deu un impulso psicolóxico moi grande e animoume para seguir traballando día a día.

Que vivencias te levas deses momentos no Vero Boquete?

Lévome unha experiencia incrible, sobre todo polo apoio da afección e, en concreto, dos meus amigos, que estiveron alí véndoo.

Que consellos che deron para sacar o teu mellor xogo contra rivais moito máis maiores ca ti?

Ser eu mesmo, xogar como un sabe e sen medo.

Volvendo ao Xuvenil, xogaches todo ata a data, sendo peza importante do equipo, non só polos dez goles anotados, senón por todo o traballo que achegas no campo. Como valoras a túa tempada?

Sería unha tempada perfecta, senón fose porque teño problemas musculares en moitos partidos 😅.

Cales cres que foron as claves para que o equipo lograse o ascenso con tanta folgura?

O equipo estivo sempre unido, priorizando ante todo o obxectivo colectivo de ascender e creo que iso foi a clave, dar todo cada partido para lograr o ansiado ascenso a División de Honra.

Pensando no futuro, que supón para ti poder xogar en División de Honra no teu último ano na base?

Xogar División de Honra significa subir o nivel de competición e competir contra os mellores equipos xuvenís de Galicia, Asturias e Cantabria, polo que é unha gran oportunidade para seguir esforzándose e dar o mellor de min.

Cres que coa experiencia acumulada este ano, chégache a oportunidade de xogar nesta categoría no mellor momento?

Por suposto, aínda que haberá que traballar duro na pretempada e dalo todo ao longo dela.

Por último, a nivel persoal, como se leva o compaxinar os adestramentos ao máis alto nivel cos estudos?

Ben, a verdade. É certo que ás veces teño que faltar en semana de exames, porque teño uns horarios bastante difíciles para compaxinar ben o fútbol con Bacharelato, pero faise o que se pode.

De cara ao ano que vén, desexándoche a maior das sortes para selectividade, cara a onde queres orientar os teus estudos e por que?

Quero estudar Odontoloxía, se pode ser, aquí en Santiago, xa que os meus pais teñen unha clínica dental e sería seguir a tradición familiar.

Para compaxinar os estudos universitarios co fútbol, é o Compos a mellor opción? Que che comentaron sobre iso compañeiros teus como Toño ou Mario?

Eu creo que si que o é, xa que eles son quen de compaxinalo ben. Ademais, estando na casa, faráseme máis fácil, supoño.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado