Ao Compos vaille a marcha e quere que comece a festa

  • A SD Compostela encara xa o partido de ida da eliminatoria de campións contra o RCD Espanyol B.

  • Yago quere un San Lázaro a rebentar para comezar gañando o partido

Santiago de Compostela, a 18 de maio de 2018.

A SD Compostela está preparada para a primeira gran cita. A falta dun adestramento, os branquiazuis esperan xa o duelo do domingo ás 17.30 horas contra o RCD Espanyol B. Será un choque de trens durante 90 minutos, no que ambos os equipos tentarán sacar o mellor resultado posible para a volta na Cidade Deportiva Dani Jarque.

Para este primeiro encontro, o equipo espera que a afección sexa un factor determinante de cara ao marcador final. San Lázaro lucirá as mellores galas da tempada e corpo técnico e xogadores esperan que o seu ánimo se note nesta eliminatoria.

“A afección ten que animar, temos en fronte un rival cun potencial enorme e teñen que ser o xogador número 12, é fundamental”, sinalou Yago Iglesias en rolda de prensa. Ademais, engadiu que espera que “San Lázaro e Santiago estea a rebentar, o equipo necesítao, gañoullo e a xente que veña que anime os 90 minutos, porque enfronte temos un conxunto con moito potencial e se a xente apláudeche, cando acertas ou fallas, iso lévache polo aire”. O equipo e corpo técnico, vendo as pancartas pola cidade e a venda de entradas, están moi ilusionados e confían en comezar gañando, vendo como está a bancada do fortín santiagués.

Ata que chegue ese momento de saltar ao campo, os xogadores estarán ansiosos por facelo, xa que como indicou Yago “levamos todo o ano preparando este momento e esta semana xa se cheirou e se vivenciou as ganas nun aire distinto nos adestramentos, polo ritmo, a forma, as caras…”

A sensación do grupo é de ilusión e confianza, o equipo, di o adestrador, está máis enchufado que nunca. “Cambiamos o tipo de tarefas, a duración do adestramento, non metemos moita cousa nova, pero estamos todos moi metidos para o partido”, comentou.

A implicación é tal que todos coñecen moi a fondo ao rival, en base aos detalles que lles adiantaron desde o corpo técnico. “Vimos doce partidos, teñen un once definido, e neses duelos houbo once que os esperaron atrás e un que non”, analizou o técnico e engadiu que “son xogadores que teñen moita mobilidade, que lles gusta ter a pelota e que polas súas declaracións dáballes igual o rival con tal de ter un campo grande para xogar”.

Con todo, o equipo “sabe do seu potencial, a nivel individual e colectivo, pero despois de estudalos podemos dicir que somos dous conxuntos moi parellos, similares no fútbol que propomos, no protagonismo do balón e mesmo na forma de chegar á portaría rival”. A clave está, segundo Yago, en “sacar rendemento do que fan tan ben e que eles non potencien o que fan moi ben”.

“Todos falan de que é o coco, de que practicamente non temos ningunha posibilidade e non é así. Expomos este reto, queremos superarnos a nós mesmos e, con humildade, leste é un premio para nós, a cidade, a afección”, argumentou o ribeirense.

Como dixo Yago, “vainos a marcha, somos novos e queremos que chegue o domingo para saír da zona de confort, porque fomos os mellores de Galicia e agora queremos medirnos contra o mellor do mellor de España”.

Polo estudado, o técnico avisou de que será un partido “moi bonito de ver para o espectador, que oxalá nos vaia polos camiños que queremos e confianza plena, iso é o que queremos transmitir, porque co noso aceno de identidade queremos mostrar que somos capaces de superar a un gran equipo e que estamos preparados para a Segunda B”. Ademais, cre que será un encontro de tenteo, como é habitual nos playoffs.

A clave pasa por “non facer algo extraordinario, senón facer extraordinariamente ben o que habemos feitos durante toda a tempada”, sentenciou Yago. Con iso e co xogador número 12 na bancada, o equipo confía en sacar adiante este primeiro partido da eliminatoria, no que o único xogador descartado é Santi Gegunde.

O domingo San Lázaro ten que ser un fortín para que os nosos saquen adiante estes primeiros 90 minutos. O once que xoguen de inicio e os que entren despois necesitan ese agarimo e apoio do público para superar este gran reto. As cartas xa están botadas, agora que comece a festa.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado