Antonio Salado, calidade vasca para o ataque branquiazul

  • O extremo zurdo de 24 anos, canteirán do Athletic, procede do Club Portugalete e firma por unha tempada

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021

Antonio Jesús Salado Góngora (Sestao, 29/01/1997), nova fichaxe da SD Compostela para a Tempada 2021/22. O extremo zurdo vasco, canteirán do Athletic Club, chega á capital galega tralo seu último ano no Club Portugalete, da Segunda División B, e firma por unha campaña.

Antonio Salado destaca por ser un xogador zurdo de enorme calidade, que pode actuar tanto en banda esquerda como na mediapunta. Ademais, conta cunha gran capacidade para desbordar por fóra e un gran golpeo de balón nas xogadas de estratexia. Do mesmo xeito, a pesar da súa mocidade, acumula xa 71 encontros na división de bronce do fútbol nacional.

Aos seus 24 anos, esta será a súa primeira experiencia lonxe da súa terra natal, chegando a Galicia despois dunha gran campaña no Portugalete. Nela, disputou vinte e nove encontros, entre a competición ligueira e a Copa do Rey, superando os 1.800 minutos de xogo. En total, marcou tres goles e repartiu varias asistencias, unha delas no partido da segunda rolda do torneo do KO contra o Levante UD.

Anteriormente, Antonio Salado estivo sempre ligado á canteira de Lezama. Alí xogou durante dous anos en Alevíns e regresaría, máis tarde, en idade Cadete, para ir escalando etapas na canteira bilbaína ata chegar ao filial. Así, tras acabar os anos de formación, comezaría a súa andaina en sénior no CD Basconia, do Grupo IV da Terceira División, conxunto que actúa como o segundo filial do Athletic. Con eles, compartindo plantel cos seus compañeiros de xeración, disputaría cincuenta encontros en dúas tempadas, celebrando seis goles.

As súas grandes actuacións en Terceira abríronlle as portas do Bilbao Athletic, da Segunda B, equipo no que estivo durante outras dúas campañas. No seu primeiro ano, gozou dun amplo protagonismo no filial, disputando trinta e un encontros, anotando dous goles e repartindo outras tantas asistencias. Pola súa banda, no segundo, con Joseba Etxeberria no banco, participou en trece partidos, tres deles coma titular, e marcou un tanto.

Coa súa incorporación, a SD Compostela consegue un perfil buscado para a súa banda esquerda e xa dispón de dezanove xogadores con contrato para a próxima tempada: Pato Guillén, Borja Rey, Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Joel, Guille Torres, Jimmy, Samu, Roberto Baleato, Pablo Antas, Jordan, Fer Beltrán, Josiño, Rafa Mella, Juan Manuel Parapar, Antonio Salado, Pablo Durán e Primo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado