Antonio Quinteiro: “A homenaxe a Antonio Bermúdez será o 23 de agosto ás 20:30”

20160804_122318

  • O presidente agradeceu á familia de “un gran amigo” como Antonio e ao Deportivo polas facilidades á hora de pechar este Memorial, que pretende que se manteña ao longo do tempo.

Santiago de Compostela, a 4 de Agosto de 2016.

A sala de trofeos da SD Compostela acolleu, esta mañá, a presentación do I Memorial Antonio Bermúdez, un encontro homenaxe a Antonio Bermúdez, “o noso gran amigo, o home das estatísticas, a comunicación, da reportaxe, o home que deu a vida pola información deportiva desta cidade”, palabras que empregou o presidente Antonio Quinteiro para referirse a unha dos referentes do xornalismo compostelán.

O partido homenaxe, como así o anunciou o presidente, celebrarase o martes 23 de agosto ás 20:30 horas no Estadio de San Lázaro, nun encontro que enfrontará á SD Compostela e ao RC Deportivo da Coruña.

Será un encontro en memoria de Antonio Bermúdez, “unha forma de lembrar a un gran profesional, pero sobre unha gran persoa”, dixo Quinteiro. Por iso, mentres el siga no cargo, ten a firme intención de facelo cada ano polas mesmas datas.

Por outra banda, o máximo mandatario do Compos quixo agradecer, en primeiro lugar, á familia de Antonio Bermúdez, por permitir realizar este partido sendo tan fresca a súa morte; e en segundo lugar, ao equipo coruñés e ao seu presidente, Tino Fernández, polas facilidades para aceptar un encontro nestas datas, xa que coincidirá entre a primeira e a segunda semana de competición.

Para esta cariñosa homenaxe, os abonados para esta nova tempada poderán entrar gratis ao campo, mentres que as demais persoas pagarán unha entrada xeral e única de 10€, excepto aqueles nenos menores de 12 anos que veñan acompañados por un adulto, que entrarán gratis. As entradas, que serán exclusivamente para a bancada de tribuna, poderanse adquirir nas oficinas do club desde o día 8 de agosto ou o propio día na taquilla número 2.

Pola súa banda, o fillo de Antonio Bermúdez, Toño Bermúdez, tamén quixo darlle, en nome da familia, as grazas ao Compostela por estar ao seu lado desde que tivo lugar o pésame do seu pai, unha persoa moi importante para el, xa non só no ámbito familiar, senón tamén no profesional. Foi el quen “tivo a bendita idea de meterme o veleno da radio”, dixo Toño.

Ademais, tamén agradeceu o esforzo do Compos e o RC Deportivo por dar as facilidades para que se celebre o encontro nunhas datas que non son as mellores, xa que se producirá coa liga empezada, e animou a que todo o público que o desexe veña ao encontro.

Antonio Quinteiro analiza a situación do equipo

Noutra orde de cousas, e servindo de comparación coa ilusión que transmitía Antonio Bermúdez co seu traballo de cada día, Antonio Quinteiro mostra ilusión por unha tempada que a pesar de acabar de empezar, mostra que existen uns cimentos fortes e estables. Por iso, agradeceu o esforzo da comisión deportiva, en especial Manu Castiñeiras por estar á fronte do grupo, encargada das fichaxes para este novo curso.

Entre eles, e seguindo coa ilusión que citaban anteriormente, Juan Cabrejo. Un xogador que a pesar dos 40 anos non perde nunca ese aceno de identidade, a ilusión. “Mostrounos ese gran compromiso, o seu desexo de terminar a súa carreira deportiva no lugar no que a comezou”, comentou o presidente.

Cabrejo é o máis veterano dun plantel no que o “traballo deses mozos polos que apostamos, axudados polos 3 ou 4 veteranos que xa coñecen moi ben a categoría e sobre todo o club, logren facernos gozar nunha tempada difícil e con rivais de moito potencial”, concluíu Antonio Quinteiro.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado