Álvaro Casas: “Antes de pensar noutros obxectivos, hai que lograr o primeiro”

  • “Custounos moito ter estes puntos, quédannos tres partidos moi complicados e creo que o vestiario e o corpo técnico están mentalizados para sumar eses tres que nos fan falta”, comenta o central
  • O capitán dálle moita importancia á salvación polo que custou chegar ata aquí, polos ascensos e descensos que haberá esta tempada, polo grupo no que está o equipo, os rivais e o potencial dos clubs

Santiago de Compostela, a 25 de Febreiro de 2021.

O capitán Álvaro Casas fixo esta mañá un balance do que vai de tempada para a SD Compostela. O central dálle moito mérito ao conseguido ata a data, aínda que lembra que faltan tres puntos para lograr o obxectivo, a permanencia. O xogador compostelanista pon en contexto a dificultade do grupo e soña cunha vitoria contra o Celta B.

Balance da tempada. Houbo partidos na primeira volta, por exemplo, o do Pontevedra, nos que merecemos os tres e só conseguimos un empate; e si que é verdade que o outro día custounos moito, sometéronnos, e acabamos conseguindo a vitoria. Se estivésemos no lado do Pontevedra, seguro que estabamos a dicir que mereciamos os tres puntos, pero, aínda que se vise un Compos que estaba máis en bloque baixo, tamén tivemos un par de ocasións para aumentar a vantaxe.

Últimos partidos. O día do Coruxo tivemos 15-20 minutos de desconexión, que provocou que nos empatasen. O día do Racing creo que foi un duelo máis igualado do que pareceu, excepto o final. Nestas últimas xornadas, desde Guijuelo, non tivemos esa continuidade de ter a 18-19 xogadores para xogar e creo que iso nos pasou factura.

O obxectivo: a permanencia. Non descartamos nada, pero tampouco hai nada feito. O noso obxectivo, dende o principio, era deixar a catro equipos por baixo, creo que estamos en bo camiño, fannos falta tres puntos máis e a conseguilos esta próxima fin de semana. Se o logramos, xa está o obxectivo da permanencia listo, e a partir de aí, xa pensaremos noutras cousas. O que si é certo é que estamos catro/cinco equipos moi igualados, que tanto estás arriba como abaixo.

O Celta B. Son un dos mellores visitantes, porque Barreiro é un campo algo máis pequeno que outros. Onte, con todo, custoulles un pouco. Paréceme un dos mellores equipos, así o reflicte a clasificación, porque á parte de xogo, son 23 futbolistas de altísimo nivel, cun División de Honra que este ano ía xogar a Champions, polo que o adestrador ten moitas posibilidades e nunca sabes con que once vai saír, e con que xogadores. Pero como todos os partidos, hai que competir, pelexalos moito e temos dúas semanas para preparar o partido, que pode ser un paso fundamental para lograr o obxectivo.

Mentalizados para conseguir a vitoria que falta. Antes de pensar noutros obxectivos, hai que lograr o primeiro. Non podemos pensar no segundo chanzo se aínda non chegamos ao primeiro, porque, aínda que pareza outra cousa, é moi alto. Custounos moito ter estes puntos, quédannos tres partidos moi complicados e creo que o vestiario e o corpo técnico están mentalizados para sumar eses tres puntos que nos fan falta, e esperemos que sexan esta próxima fin de semana. Hai que centrarse neses tres puntos e despois xa se verá.

Máis vitorias fóra de casa. Este ano, e máis neste grupo, polas características dos campos, o concepto casa ou fóra, ao non haber público, non cambia moito. O encontro de Pasarón non sería o mesmo co público e o mesmo no noso caso en encontros que empatamos, como contra o Unionistas ou Zamora. Ao ser case todos os campos de natural e dimensións grandes, coa falta de público, iguálase todo un pouco.

Campos con público e outros que non. É un tema de debate, que penso que non tería que ser por Comunidade. Se non pode haber público nun campo, que non o haxa en ningún. Vas ao Helmántico ou a Zamora, en condicións de covid e índices peores que Galicia, e alí hai público e aquí non. Iso pode desvirtuar un pouquiño a clasificación, pero tampouco con iso quero dicir que o Zamora estea de primeiro polo público. Son da idea de que se se pode igualar todo, deberíase facelo, porque tampouco é xusto para os equipos que non poden meter xente no seu campo.

Estado de ánimo do vestiario. Estamos contentos, porque foi unha vitoria que nos custou moito sacar, xa que sufrimos moito durante 70 minutos. Nestes catro anos que levo no Compostela, creo que foi o rival que máis nos meteu no noso campo e que nos obrigou a estar nun bloque baixo. Iso tamén é fútbol, hai que saber xogar a iso e creo que o equipo estivo moi ben, non só en disputas, senón tamén tacticamente. Soubemos contrarrestar eses centros laterais e axudounos o golazo de Miki para sacar os tres puntos. É máis, ao contraataque tivemos opcións para facer o segundo gol e máis nas condicións que iamos, porque se chegamos a ter catro xogadores de refresco para meter, cambiase un pouco o partido.

Plantel curto. O desta pasada fin de semana, poucas veces dáse. Estás con 13 xogadores e eses puntos sábenche mellor. O dos persoais decídeas o club, sempre se di que son persoais curtos, pero son temas do club. Teñen os seus pros e os seus contras e se cren que é o mellor, benvido sexa.

Presión. Cada equipo márcase os seus obxectivos. A nós custounos moito ascender a esta categoría e perdela este ano sería un pau moi grande, porque baixas dúas categorías, nun ano no que ascenderán tres equipos galegos a Segunda B. Esa presión tamén nos pode chegar a afectar, por iso doulle tanta importante á salvación, que se valore, poñer en contexto o grupo no que estamos, os rivais aos que nos enfrontamos e o potencial dos clubs. Non temos a presión de ascender a Segunda, pero témola de non descender. Non a podo comparar, pero tamén é presión.

Novos rexistros. Prefiro gañar os partidos sendo protagonistas con balón, e non estar tantos minutos metidos atrás como esta fin de semana, pero iso é imposible. En Terceira, había poucos momentos nos que tiñamos que estar así, pero este ano, aínda que non tan prolongado como esta fin de semana, si que hai bastantes momentos nos que o equipo ten que xuntarse, apertar e salvar ese resultado. O míster, durante todos estes anos, adestrounos para mellorar en moitos rexistros, non só no fútbol ofensivo, e iso é mérito del. Nós imos realizando o que el nos foi indicando durante estes anos e igual que crecen os xogadores, o corpo técnico tamén está a crecer co club.

Mesma mentalidade. Nesta competición, todo o mundo xógase algo, é o único bonito deste tipo de competición. Ata o final, o último minuto, todos os equipos van querer realizar os máximos puntos posibles, porque hai unha segunda fase na que contan estes puntos. O Celta B é un equipazo, vinlle bastantes partidos este ano, si que é verdade que, como calquera filial, poida que en certos momentos pequen desa mocidade, de arriscarse de máis, pero teñen xogadores que xa debutaron en Primeira, outros que veñen de equipos de Segunda e outros de conxuntos moi potentes de Segunda B. Por iso, nós iremos coa mesma mentalidade, a traballar o partido, a competilo e a pelexar por puntuar para aumentar a marcadora de 23 puntos. Con tres máis estamos matematicamente salvados e a partir de aí xa soñaremos e pensaremos noutras cousas.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado