Allyson, nova referencia para o ataque da SD Compostela

  • O dianteiro brasileiro firma por unha tempada

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

Allyson Fernando Santos da Silva (14/07/1994, Ariquemes -Brasil-) é novo xogador da SD Compostela para a Tempada 2022/23. O dianteiro centro brasileiro, con ampla experiencia na Segunda División B, convértese nunha nova referencia para o ataque compostelanista. Chega libre e firma por unha campaña.

Allyson é un punta corpulento, cunha importante presenza física, converténdoo nun gran rematador na área. Ademais, tamén destaca pola súa calidade para asociarse cos seus compañeiros de ataque, así como por un gran disparo con ambas pernas. Todas estas calidades levaron á dirección deportiva do club a afrontar a súa fichaxe.

Aos seus 28 anos, o atacante suma 114 encontros na división de bronce do fútbol nacional, 16 en Segunda RFEF, 75 na Terceira División e dous da Copa do Rey.

A súa carreira iniciouna en Asturias, no CD Covadonga, tras destacar no xuvenil de División de Honra do TSK Roces. Unha gran campaña, con nove goles, levouno ao filial do Real Oviedo, conxunto co que disputou dous cursos, anotando 16 tantos. Ademais, o seu gran rendemento levouno a participar co primeiro equipo en cinco partidos, un deles na promoción que levou ao club ao ascenso a Segunda División.

Do Oviedo pasou a outro filial, o Atlético Levante, do Grupo III de Segunda B, disputando 32 duelos de liga e anotando catro goles. Ao curso seguinte foise ao Villanovense, do grupo cuarto, participando en 30 encontros e asinando tres dianas.

Despois de dúas tempadas, Allyson regresou de novo a terras asturianas, esta vez para fichar polo UP Langreo, equipo no que estaría tres anos, contabilizando un total de 51 encontros, con oito tantos, un deles no Vero Boquete de San Lázaro.

Tras pechar esta nova etapa, o curso pasado asinou co CD Numancia, disputando a primeira parte da campaña, xa que no mercado de inverno foise ao Poli Ejido, ambos da Segunda RFEF. Lastrado polas lesións, pechou o ano con catorce partidos e dous goles.

Allyson chega agora a Santiago para recuperar o seu instinto goleador e reivindicar a súa figura de dianteiro dominante da categoría. Con moita ilusión, o ariete brasileiro buscará achegar goles e moito traballo para conseguir loitar polo salto de categoría.

Tras confirmarse a súa incorporación á SD Compostela, o plantel está integrado agora por dezaoito xogadores: Pato Guillén, Borja Rey, Roque, Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián Canedo, Martín Salvador, Pablo Antas, Samu, Mario, Fer Beltrán, Jordan, Mario Rodríguez, Elliot, Cano, Parapar, Darío e Allyson.

Tras pasar o recoñecemento médico, o novo ariete branquiazul sumarase aos adestramentos do equipo mañá martes.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado