Adaptarse a Miramar para sacar os tres puntos

  • Rodri agarda un equipo capaz de mostrar a súa mellor cara, en base ao que lle requira o terreo de xogo

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2022.

A SD Compostela volve á estrada este domingo (17.00 horas) para medirse ao Marino de Luanco en Miramar. Os branquiazuis, trala dobre cita no Vero Boquete, queren volver á senda da vitoria como visitantes. Con moitas gañas e pendentes do estado do terreo de xogo, os nosos queren os tres puntos en Asturias.

Esta tarde, en rolda de prensa, Rodri analizou a previa do duelo, destacando a importancia de competir coa humildade que caracteriza a este equipo e adaptándose ao que requira o encontro.

Xogadores dispoñibles. En principio, esperamos que estean todos dispoñibles, pero hai problemiñas que levamos arrastrando todas estas semanas e seguramente ata o sábado pola mañá, que daremos unha convocatoria, non saberemos con quen poderemos contar. Hai catro/cinco futbolistas que arrastran molestias ou golpes, o normal destas alturas da tempada e coa xeira que estamos a levar ultimamente, sobre todo no centro do campo.

Centro do campo. Pablo Antas leva semanas parado e ten que coller ritmo. A semana pasada non puidemos contar con Samu e Baleato. Fer vén de semanas atrás arrastrando sobrecargas. Jordan tivo moitos problemas a principio de tempada e tampouco o queremos forzar en exceso. É a liña que máis me preocupa porque é o eixo de todo. Defensivamente estamos ben, arriba a xente está a xerar cousas e fáltanos que nos respecten máis as lesións e este tipo de problemiñas, para que esta xente poida ter continuidade e poder elixir.

O encontro pasado. O Arenteiro é un equipo que manexa ben os partidos, que destrúe moito. Conseguiron levar o duelo ao seu terreo, con pouco ritmo, excesivas protestas e seguramente non soubemos lelo ben. Con todo, a clave para min foi o partido do mércores, porque non estamos frescos de pernas e non fomos quen de meterlle o ritmo que nos gustaría. A parte o campo, así como o mércores estaba rápido, o domingo non o estaba tanto. En calquera caso, creo que, das poucas ocasións, merecemos gañar, non fomos quen e o que nos queda é levantar a cabeza e seguir traballando.

O partido contra o Marino. O domingo condicionará moito o terreo de xogo. Entendo que estará brando, que co paso dos minutos se embarrará e temos dous plans de partido preparados. Nesta categoría, un dos aspectos máis importantes é poder adaptarte a distintos contextos. Alí teremos un contexto totalmente distinto ao que nos podemos atopar en San Lázaro, teremos que desenvolver outro fútbol distinto, nin mellor nin peor, senón distinto; e imos con toda a ilusión, coa humildade que nos caracteriza sempre e sabendo que teremos que traballar moito para sacar algo.

Miramar. É herba natural, pero é un terreo que cambia moito ao longo do ano. Agora, coas choivas desta última semana e vendo os precedentes dos últimos meses, o campo estará moi brando. O normal é que se levante, que estea esvaradío e que condicione o xogo combinativo. Temos que adaptarnos a outro tipo de xogo, de máis disputa e segundo balón. Estivemos preparándoo detidamente, sabendo a importancia que ten, porque para estar arriba hai que gañar, non só vale con empatar. Imos convencidos diso, cunha idea clara do que temos que facer e oxalá teñamos o chisco de sorte necesaria para poder sacar os tres puntos.

Plan a seguir. Depende do estado do terreo de xogo. En Llanera sabiamos o que nos iamos a atopar, que era un campo moi pequeno, pero de artificial. Seguramente prefiro iso ao que me atopei o día de Ceares, que era impracticable. Temos dous plans de partido e en función de como vexamos o terreo de xogo, iremos variando cousas.

O rival. É un equipo que está moi adaptado ao seu terreo de xogo, cunha defensa forte e por dentro futbolistas con moito percorrido nesta categoría e superiores, e de moita calidade. Temos que tentar meter un ritmo de xogo alto, porque aí sofren, e tentar adaptarnos ao terreo de xogo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado