A SD Urdilde súmase á rede de clubs conveniados da Canteira Picheleira

Momento da firma nas oficinas do club, coa presenza de Javier García, por parte da SD Compostela; e Iván Uzal, pola SD Urdilde.

  • Con esta firma son xa once os equipos de Santiago e comarca que se unen ao proxecto para seguir medrando

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022

A Sociedade Deportiva Compostela e a SD Urdilde veñen de formalizar un convenio de colaboración, a través do cal se suma á rede de clubs conveniados da Canteira Picheleira. O conxunto do concello de Rois lígase así ao proxecto co obxectivo de que ambos clubs crezan deportiva e socialmente, así como para impulsar a práctica futbolística na comarca, creando unha sólida estrutura de traballo e sinerxias para o futuro.

Tras as reunións mantidas, ambos clubs alcanzaron un acordo mediante o cal a Canteira Picheleira axudará ao Urdilde a impulsar e consolidar o fútbol base na localidade, así como a captación de xogadores da contorna. Neste sentido, o conxunto de Rois comezou esta tempada coas categorías de formación, coa inscrición do seu primeiro equipo en categoría benxamín.

Así mesmo, dentro dos clubs conveniados, os técnicos do Urdilde poderán participar nas xornadas de formación que se organizan a través da “Compos Escola” e asistir gratuitamente aos encontros que a SD Compostela dispute no Vero Boquete de San Lázaro. Do mesmo xeito, de ser o caso, algúns xogadores da SD Urdilde poderán asistir a adestramentos da Canteira Picheleira.

Para selar o acordo, estiveron presentes, por parte da SD Compostela, o vicepresidente, Javier García; e por parte da SD Urdilde, o seu presidente, Iván Uzal Montero.

Con esta firma son once os equipos, máis a SD Compostela, que xa forman parte da rede de clubs conveniados da Canteira Picheleira: CD Conxo, Victoria FC, Amio SD, Milladoiro SD, SD Esclavitud, UD Bastavales, SD Urdilde, SD O Pino, AD Nicrariense, Puebla FC e Dumbría CF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado