A SD Compostela xa coñece o seu camiño na Segunda RFEF

  • A Federación publicou esta tarde o calendario para a Tempada 2021/22
  • Os nosos comezan a liga en Pasarón e estrearán o fortín contra o Palencia

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

A SD Compostela xa coñece o seu camiño na Segunda RFEF para a Tempada 2021/22. A Real Federación Española de Fútbol fixo público esta tarde, na súa páxina web, o calendario para a nova campaña. Os nosos comezarán a liga cun derbi, o 5 de setembro, contra o Pontevedra en Pasarón e estrearanse ante o seu público, no Vero Boquete de San Lázaro, ante o Palencia Cristo Atlético, sete días máis tarde.

A competición constará de 34 xornadas, nas que o Compos enfrontarase aos equipos galegos, asturianos, castelán leoneses e madrileños. A liga arrincará na fin de semana do 5 de setembro e terminará na do 15 de maio. Entre medias, nove meses intensos, cun parón en Nadal, do 19 de decembro (xornada 16) ata o 9 de xaneiro (xornada 17).

Os nosos debutarán contra o Pontevedra CF en Pasarón, un derbi que se repite do ano pasado e no que nos enfrontaremos a exxogadores do club como David Soto ou Brais Abelenda. A continuación, a segunda e terceira cita serán no Vero Boquete de San Lázaro, na estrea dos branquiazuis ante o seu público. O 12 de setembro visitará a capital galega o Palencia Cristo Atlético e o 19 o CD Móstoles URJC.

A partir de aí, o calendario para a SD Compostela alternarase con partidos fora e partidos na casa, cada fin de semana, ata o citado 19 de decembro. Os rivais, por esta orde, serán o CD Leganés B, Bergantiños CF, CD Arenteiro, Club Marino de Luanco, UD Llanera, Gimnástica Segoviana SAD, Coruxo FC, AD Unión Adarve, CDA Navalcarnero, Real Avilés CF SAD, Arosa SC e UC Ceares. A última xornada da primeira volta, e primeiro encontro do 2022, será o 9 de xaneiro ante o Salamanca CF UDS no fortín.

Na segunda volta, seguirase a mesmo orde, comezando na casa contra o Pontevedra, o 23 de xaneiro, tras unha semana de parón pola disputa da Copa do Rey. A liga terminará para os nosos no Estadio Helmántico, o 15 de maio, contra o Salamanca CF UDS.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado