A SD Compostela xa coñece a composición do seu grupo na 2ª RFEF

  • Os branquiazuis mediranse a galegos, asturianos, castelán leoneses e madrileños

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

A SD Compostela coñeceu este mediodía, na reunión celebrada na sede da Real Federación Española de Fútbol en Madrid, os rivais aos que se enfrontará a próxima tempada na Segunda RFEF, así como as bases que rexerán a competición.

Encadrado no Grupo 1, os branquiazuis teranse que medir, nunha competición tradicional a ida e volta, aos equipos galegos, asturianos, madrileños e aos do suroeste de Castela e León, para un total de 18 equipos.

Deste xeito, os conxuntos aos que se terá que medir a SD Compostela son os seguintes: Arosa SC, Bergantiños FC, CD Arenteiro, Coruxo FC, Pontevedra CF SAD, Club Marino de Luanco, Real Avilés Industrial, UC Ceares, UD Llanera, UP Langreo, Gimnástica Segoviana, Palencia Cristo Atlético, Salamanca CF UDS, CD Atlético Navalcarnero, CD Leganés B, CD Móstoles URJC e AD Unión Adarve.

“A verdade é que non estaba moi preocupado polos rivais que nos poderían tocar, porque a todos lles vía proles e contras. En todas as quinielas, asturianos e castelán leoneses estaban dentro e a dúbida estaba entre os madrileños e os cántabros. No grupo que nos tocou, a distancia é un pouco maior, aínda que sen moita diferenza, e polo nivel non sabemos as diferenzas entre uns e outros, pero si é certo que en Madrid hai un mercado de xogadores máis amplo e atractivo, polo que poden ter un maior nivel. En canto aos campos, pode ser un hándicap o feito de xogar en herba artificial, pero tamén cos cántabros, segundo en que datas xogues, os campos poden estar mellor ou peor. En calquera caso, a miña maior preocupación é a de conseguir o máximo nivel como equipo para tentar poñerlle as cousas difíciles a todos os rivais”, explicou Rodri Veiga, adestrador da SD Compostela, sobre a composición da 2ª RFEF.

A liga comezará a fin de semana do 5 de setembro e finalizará o 15 de maio, mentres que os playoffs disputaríanse entre o 22 e 29 de maio. O sorteo do calendario oficial producirase o próximo mes.

En canto ao sistema competitivo, ascenderá de forma directa a Primeira RFEF o campión de cada un dos cinco grupos. Pola súa banda, do segundo ao quinto clasificado xogarán un playoff en sede única, que repartirá os últimos cinco billetes para a nova categoría do fútbol español. Por contra, caerán á Terceira RFEF de forma directa os cinco últimos de cada grupo (14 ao 18), mentres que os catro peores décimo terceiros (por coeficiente) xogarán unha eliminatoria de permanencia na que caerán dous conxuntos máis.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado