A SD Compostela viaxa a Pontevedra con ilusión e confianza

  • Os branquiazuis estréanse este domingo en Pasarón na Segunda RFEF

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021

A SD Compostela estréase este domingo, ás 18.00 horas, na Segunda RFEF medíndose ao Pontevedra CF en Pasarón. Os branquiazuis chegan ao debut na nova categoría con moita ilusión e confianza, co desexo de facer un gran partido para levar os primeiros puntos da tempada.

Sabendo da dureza do reto e destacando a importancia de estar moi finos para sacar algo positivo, Rodri analizou o partido na rolda de prensa previa ao choque.

Declaracións destacadas.

Primeira vez como primeiro adestrador. Estou ben, moi contento a verdade. Estou moi contento coa implicación e o comportamento diario dos xogadores, axudáronme moito, porque é algo recíproco para que todo funcione ben. E agora empezas a notar o formigueo propio da competición, pasábame como xogador e agora como primeiro adestrador un pouco o mesmo, de que empeza o bo, o bonito, o que nos gusta.

Estado do plantel. En principio están todos. Hai algúns que están con mellor forma que outros, porque ata fai dez días non puidemos recuperar a todo o mundo. Despois, tamén estamos coa pequena dúbida de Fer Beltrán, que tivo un pequeno problema muscular a semana pasada e estivo a facer traballo individual.

Potencial do Pontevedra. Seguramente sexa unha dos planteis máis importantes do grupo. Están a facer unha aposta forte, xa o fixeron o ano pasado, volven repetir e, en principio, con Salamanca e algún outro equipo serán os que pelexen pola primeira praza. Por tanto, será un partido bonito e é un derbi, con ese compoñente engadido. Sempre dixen que me gustaría que o equipo competise e o dese todo, porque o merecen, e imos tentar poñerllo o máis complicado posible, sabendo da dificultade do reto, de que teremos que facer as cousas moi ben para sacar algo positivo, pero imos con toda a ilusión e con toda a confianza.

Novo plantel do Compos. Este ano gañamos un pouco de fondo de armario. Veño de estar cinco anos con Yago, onde tiñamos moi boa sintonía, porque tiñamos ideas parecidas en canto a idea de xogo e por aí van ir as cousas. As ideas básicas do que me gustaría que se vise domingo a domingo serán parecidas. Despois, evidentemente, imos meter matices, en base ao que me gusta a min e tamén en función das características dos xogadores que viñeron novos. Estamos a traballar para modificar cousiñas, pero seguindo coas ideas xerais do que viñamos desenvolvendo, para que a xente se senta identificada co fútbol do equipo.

O rival agardado. Coñecendo a Ángel, vendo o que facía no Langreo e o que vimos en pretempada, non será un Pontevedra tan directo como o ano pasado, buscando transicións, porque ten xogadores por dentro coa incorporación de Brais e a recuperación de Romay, pero tamén velocidade por fóra, tanto Álex como Gerson ao espazo pódenche facer moito dano. É un equipo que manexa máis rexistros. O ano pasado atopábase incómodo coa pelota e este ano non, son capaces de tela, pero tamén de correr. É un rival perigoso, contra o que teremos que estar moi atentos, sobre todo nas vixilancias, e despois gustaríame que o equipo tivese personalidade para desenvolver o que fixemos na pretempada, porque nolo merecemos e porque é a idea que me gustaría que se transmitise.

Comezar forte. Evidentemente, nin nós nin eles temos a rodaxe que nos gustaría. Son da opinión de collelos agora, porque os automatismos aínda non están de todo claros. Nós estamos traballando, temos a sorte de que continúan moitos futbolistas do ano pasado e agardo que as ideas as teñamos un pouco máis traballadas que eles. Seguramente, o Pontevedra de dentro de catro semanas sexa máis forte que o actual, e o mesmo do Compostela.

Posible once. A verdade é que non teño nada claro cal será o once. Unha das cousas que me pon máis contento é que o plantel ten máis fondo de armario. Si que é certo que teño distintas ideas pola cabeza, estiven a compartilas co corpo técnico estes días e, en función dos estados de forma e destas sesións que quedan, tomaremos a decisión do once.

David Soto e Brais Abelenda. Por potencial merecíanse o salto de categoría. Tiven a sorte de velos traballar día a día e víase que eran futbolistas que creceran moito e cun potencial enorme. Despois, o fútbol depende de moitas cousas. Necesitas que alguén aposte por ti, que nunca é fácil, necesitas estar no sitio e no momento xusto, polo que inflúen moitas cousas. Evidentemente, son mozos que teñen a cabeza moi ben asentada, que traballan moi ben e que lles chegará a oportunidade.

Desexo para a tempada. Xoguei moitos anos, levo un tempo adestrando e o único que lle pido aos mozos é que dean todo cando saian ao campo, tanto defensivamente como ofensivamente, que salgamos a competir, a pensar e a desfrutar. É algo que lles repito moito. Pido que cada vez que salgamos ao campo, o equipo compita coa capacidade que ten para facelo. Se facemos iso, creo que estaremos máis preto de gañar máis partidos que de perdelos. En canto á clasificación, se podo quedar de primeiro non quero facelo de quinto, pero o que me preocupa é ser un equipo competitivo e que teña carácter, porque despois, cos xogadores que temos, imos realizar un fútbol vistoso, bonito e acorde ao que nos gusta, tanto á afección como ao que me pide o club.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado