A SD Compostela solicita o martes 18 como data para o partido aprazado

  • Ante a negativa da Federación para recuperar o partido en fin de semana por criterios médicos, o club propón esta nova data para recuperar o duelo

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022

A SD Compostela solicitou esta mesma tarde a data do martes 18 de xaneiro como alternativa para recuperar o partido aprazado da xornada 17. Tralo desacordo entre clubs á hora de fixar o horario en primeira instancia e coa negativa da Real Federación Española de Fútbol, atendendo a criterios médicos, para xogar esta fin de semana, proponse esta nova opción para poder pechar a primeira volta antes de comezar a segunda.

Despois de que o Xuíz de Competición decretase o aprazamento do encontro polo brote de covid-19 xurdido na expedición do Salamanca CF UDS, na mañá do domingo, a RFEF instou os clubs a poñerse de acordo na fixación dun novo horario.

Neste sentido, a SD Compostela propuxo o domingo 16 por varios motivos:

  1. Era a fin de semana decretada para recuperar partidos aprazados da primeira volta.
  2. Entendemos que por respecto ás afeccións deberíase xogar en fin de semana, por facilitar os desprazamentos e polas máis de 200 invitacións que se despacharon.
  3. Porque o club entende que ambos equipos dispoñen dos xogadores suficientes para xogar.

Pola súa banda, o Salamanca non aceptou esta data ao alegar que necesitaba dúas semanas de prazo para volver xogar.

Ante esta tesitura, trasladouse a falta de acordo á RFEF, coa proposta do Compos de xogar o domingo 16. Este mediodía recibiuse resposta da Federación Española, decretando que devandito encontro non pode disputarse esta fin de semana (14,15 e 16 de xaneiro) de conformidade co indicado polos Servizos Médicos da RFEF e en virtude do brote de casos positivos no Salamanca. Ademais, volve instar aos clubs para buscar de mutuo acordo unha nova data.

A SD Compostela respecta esta decisión, aínda que non a comparte, xa que atendendo ás bases de competición e aos criterios seguidos en casos similares con este tema, entendemos que a data idónea era este domingo, do mesmo xeito que está a suceder coa recuperación doutros partidos de 1ª e 2ª RFEF que se recuperarán esta fin de semana.

Por todo iso, trasladamos de maneira oficial a data do martes 18, para poder disputar o encontro antes de que comece a Segunda Volta e con tempo suficiente para preparar esa estrea da segunda parte do campionato, previsto para a fin de semana do 22 e 23 de xaneiro.

Por outra banda, dende a SD Compostela queremos trasladar as nosas desculpas á afección, en primeiro lugar, polo aprazamento do partido o domingo pasado con tan pouca marxe de manobra, por causas alleas ao club; e, en segundo lugar, por non poder xogar este domingo 16, que era a intención do club.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado