A SD Compostela renova ao corpo técnico do Xuvenil A

De esquerda a dereita: Manuel Antelo, Dani Pérez, Rati, Dani Gesto, Bruno Castro e Andrea Pérez.

  • Rati seguirá á fronte dun equipo que se estreará na División de Honra

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021

O Xuvenil A da Sociedade Deportiva Compostela, que competirá na División de Honra na Tempada 2021/22, manterá ao seu corpo técnico no seu regreso á máxima categoría do fútbol xuvenil. Os canteiráns branquiazuis estarán dirixidos, por segunda campaña consecutiva, por José Miguéns ‘Rati’.

O adestrador de Rianxo, tras lograr o histórico ascenso para a base compostelanista, seguirá encabezando un corpo técnico no que se manterán os integrantes do curso pasado, e neles integrarase un novo preparador físico e psicóloga.

Deste xeito, Rati estará acompañado no banco por Dani Gesto, quen seguirá como segundo adestrador do Xuvenil A. Para preparar aos arqueiros branquiazuis, Dani Pérez manterase como adestrador de porteiros. E, para realizar os trámites necesarios durante os encontros e viaxes, así como para apoiar en todo o que faga falta, Manuel Antelo seguirá de delegado.

Aos catro, únense agora Bruno Castro (xogador a campaña pasada do CFA Estudantil), como preparador físico; e Andrea Pérez, como psicóloga.

Os seis integrarán un corpo técnico que traballará o crecemento dos canteiráns branquiazuis, co obxectivo de competir ao máximo nivel posible na División de Honra, unha liga na que se enfrontarán ás principais canteiras do fútbol galego, asturiano e cántabro.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado