A SD Compostela recupera a senda triunfal no fortín

O balón, xa na rede, no gol de Jordan. Foto: Amadeo Rey.

  • As accións de estratexia, na segunda metade, foron decisivas para sumar os tres puntos ante o Real Avilés

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2021

A SD Compostela recuperou a senda triunfal no Vero Boquete tras superar por 3-2 ao Real Avilés Industrial. Os branquiazuis sumaron os tres puntos tras unha segunda metade na que as xogadas de estratexia foron decisivas. Con este necesario triunfo, os nosos mantéñense na parte alta da clasificación.

Tras un inicio complicado, Parapar adiantou ao Compos cun disparo cruzado coa dereita, vantaxe neutralizada polos visitantes antes do descanso coa diana de Natalio. Xa na segunda, Roberto Baleato, nunha falta, e Jordan, nun córner, puxeron o 3-1 no marcador, goles decisivos para levar a vitoria, aínda que os visitantes recortaron diferenzas por mediación de Gómez.

Regresou o Compos ao Vero Boquete nunha dura tarde invernal: fría, chuviosa e, por momentos, con moito vento. Con estes condicionantes, que marcaron o desenvolvemento do xogo, o Compos buscou dende un inicio facerse co dominio do esférico, malia que a oposición do temporal na primeira metade complicou as intencións branquiazuis.

Con todo, os primeiros en avisar foron precisamente os nosos, grazas a unha gran asistencia rasa de Matías para a entrada de Escudero, pero o atacante cruzou en exceso dende o bordo da área.

A medida que aumentaba a forza do vento, tamén crecía a presión alta dos asturianos, para complicar a saída dende atrás do Compos. Deste xeito, tras unha boa acción de Iago Díaz, Hualde rematou desde o punto de penalti, pero despexou ben Pato.

Houbo que pasar uns minutos de sufrimento, pero nun impás que deixou a meteoroloxía, a SD Compostela volveu á carga e de que maneira, xa que conseguiu adiantarse no marcador no 29. Xuntáronse na esquerda Jimmy e Primo, realizando varias paredes que acabaron deixando só ao ariete, este buscouse o oco pola frontal da área e acabou deixando para Parapar que, tras controlar, definiu por abaixo coa dereita.

E catro máis tarde, opción inmellorable para dobrar a vantaxe, xa que, nun córner botado por Matías, Fernando trabou no primeiro pau a Escudero e o colexiado sinalou o punto de penalti. Volveu tentalo Pablo Antas, pero como hai un mes, o porteiro adiviñoulle as intencións. Probou un lanzamento ao panenka e centrado, pero Mario de Luis non se moveu e colleuna.

Eran moi bos minutos para os nosos, pero nunha acción illada, no 39, chegou o empate. A forza de Eolo, de novo presente, freou un intento de apertura á banda de Pato, colleuna Sergio García e serviuna ao segundo pau para que Natalio só tivese que empuxala á rede.

Co mazazo do tanto, chegouse ao descanso con empate a un tanto, deixando todo por decidir para a segunda metade.

Á saída dos vestiarios, ambos equipos partiron coa premisa de buscar o segundo e iso percibiuse nas continuas idas e voltas do encontro. Avisaron primeiro os visitantes, cun remate de primeiras de Hualde, tras pase de Sergio García, que atrapou á perfección, en dous tempos, Pato. E responderon os nosos despois, cun disparo de Escudero, dende a frontal, que pegou nun defensor e saíu rozando o poste.

Con todo, nestes segundos 45 minutos, o vento corría a favor dos nosos e iso comezouse a percibir pola continua presenza en campo rival dun Compos dominador. Froito diso, no 63, acabou chegando o gol nunha acción de estratexia. Entre Samu e Matías, con amagos, enganaron á defensa, sendo o central o encargado de botar a falta, Parapar púidoa peitear no bordo da área e Baleato, chegando dende atrás, golpeouna de primeiras, enganando ao porteiro e devolvendo a vantaxe ao luminoso.

Foi a máis o cadro branquiazul e rozou o terceiro nas botas de Rafa Mella, quen tras recortar ao defensor buscou un disparo cara á escuadra do segundo pau que sacou, de maneira excepcional, Mario.

Non foi nesa, pero si na seguinte, como chegou o terceiro da tarde para a SD Compostela. De novo en xogada a balón parado, o laboratorio de Rodri funcionou para acabar mandando a pelota á rede. Esta vez foi Samu o que botou o córner, rematouna no primeiro pau Roberto Baleato e o balón chegou directo para Jordan, quen só tivo que pór a bota para bater ao porteiro visitante.

A pesar de todo, o 3-1 aínda non sería definitivo. O Avilés avisou primeiro nunha falta, na que Pato tirou de reflexos para sacar unha gran manopola ao remate de cabeza dun xogador asturiano. E no 90, nun córner, Gómez remataba, tamén coa testa, ao fondo das mallas, apertando a batalla, aínda que xa non se moveu máis o resultado.

Co 3-2 final, a SD Compostela logrou o obxectivo, regresar á senda triunfal no fortín. Contra un gran rival, os nosos volveron mostrar o seu gran poderío ofensivo, conseguindo tres puntos moi importantes para seguir na parte alta. Agora, o reto será superar no derbi ao Arousa o vindeiro domingo.

FICHA TÉCNICA:

3- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas (Roberto Baleato, m.46), Matías, Jimmy; Pablo Antas; Parapar (Rafa Mella, m.71), Fer Beltrán (Samu, m.56), Josiño (Jordan, m.56), Escudero (Salado, m.83); e Primo.

2- REAL AVILÉS INDUSTRIAL CF: Mario de Luis; Estellés, Prendes, Cristian Moreno (Gómez, m.71), Juanmi Carrión; Fernando (Javi Pérez, m.67), Cárdenas; Iago Díaz (Ródenas, m.71), Hualde (Cedrik, m.56), Sergio García (Kilian Grant, m.67); e Natalio.

GOLES: 1-0: Parapar, min.29; 1-1: Natalio, min.39; 2-1: Roberto Baleato, min.63; 3-1: Jordan, min.76; 3-2: Gómez, min.90.

Árbitro: Mallo Fernández (Castela e León). Amoestou a Matías e a Roque, polo Compos; e a Natalio, Fernando e Cedrik, polo Avilés.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Xornada 13 do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado