A SD Compostela presenta o I Clínic ‘A Excelencia do Adestrador’

Clínic La Excelencia del Entrenador-001

  • Realizarase na tarde do 23 de maio no Hotel Oca Porta do Camiño

  • Francisco Rodríguez, Víctor Moreno, Yago Iglesias e Luisito serán os relatores

Santiago de Compostela, a 8 de Maio de 2018.

A SD Compostela da un paso máis na súa meta de crear tendencia. O club realizará o vindeiro mércores 23 de maio, no Hotel Oca Porta do Camiño, o I Clínic ‘A Excelencia do Adestrador’, no que participarán Francisco Rodríguez e Víctor Moreno, adestrador e director deportivo do CD Lugo, Yago Iglesias, técnico do Compos, e Luisito.

O acto de presentación deste evento, que terá un prezo de 15€, tivo lugar no propio Porta do Camiño e nel participaron Javier Puñal, director de márketing da SD Compostela, Iván Espiñeira, director do clínic, e Óscar Fontán, director de Oca Porta do Camiño, quen se encargou de explicar os pormenores desta innovadora cita.

Javier Puñal

En primeiro lugar, Javier Puñal explicou que este curso, que terá unha duración de cinco horas (de 16.00 a 21.00 horas) cun coffee break no medio, organízase xa que “a formación para o noso proxecto é moi importante, a ter en conta e na que imos incrementando as accións”. Neste aspecto, o directivo destacou que a recadación será integramente para o coidado das categorías inferiores.

Ademais, outra meta é “xerar tendencia, porque somos unha marca referencia e de recoñecido prestixio na cidade”, algo que se conseguiu coa celebración dos campus, o de verán, que este curso cumprirá a terceira edición, e o de Nadal, e que agora se pretende potenciar coa celebración deste evento.

Javier Puñal tamén comentou que as inscricións poden ser vía online, realizando o pago na conta bancaria (ES59 2080 0300 81 3045557646) e enviando os datos ao correo sdcompostela@sdcompostela.com ou ben de forma física, de luns a venres, nas propias oficinas do club. No primeiro caso, os inscritos deberán mandar os seus datos (nome e  DNI), así como unha copia do ingreso.

Por último, o director de márketing agradeceu o apoio do patrocinador, Oca Porta do Camiño, así como dos colaboradores: Reconoce tu Excelencia, Kia, Hale, MCN Audiovisuais, Atempo Xoiería e Gráficas Garabal.

Óscar Fontán

Óscar Fontán, director do Hotel Oca Porta do Camiño, comentou que este patrocinio enmárcase dentro da colaboración que, desde a súa chegada a Santiago fai seis anos, levan facendo polo club branquiazul. “Este clínic é importante para a formación, para que os nenos se desenvolvan como persoas a partir do fútbol e que practiquen a súa actividade deportiva favorita, e por iso mostramos o noso total apoio”, comentou o xerente.

A maiores, sinalou que é importante tamén que “a xente de Santiago e Galicia se poida formar aquí” e que Oca Porta do Camiño seguirá colaborando con estas iniciativas co club mentres a entidade siga na cidade.

Iván Espiñeira

Por último, Iván Espiñeira, director do clínic e que forma parte da marca Reconoce tu Excelencia detallou as características desta cita. “É unha oportunidade única para coñecer o que é un adestrador, xa que buscamos saírnos un pouco dos estándares de que o adestrador é un líder, un estratego, un xestor de equipos, e que o adestrador se vexa como unha persoa, cunhas habilidades, uns defectos á hora de comunicar, transmitir, facer ou desfacer”, analizou.

A intención é que sexa “un clínic de adestradores para adestradores ou para aquelas persoas que queiran dedicarse á profesión, e que vexan que cada un deles ten unha excelencia innata, que traen de serie, e que poden desenvolver unha serie de competencias a través dela”.

Doutra banda, estas persoas tamén teñen unha serie de limitacións e que van ter que superar cunhas metodoloxías, por iso, “o que buscamos cos relatores é que expoñan as súas virtudes, que son capaces de facer de forma brillante, cal é a súa metodoloxía, pero sobre todo cales son as súas maiores dificultades e como fan para emendalas, que é un dos maiores retos”, dixo Iván.

A mestura destes aspectos permitiralles “coñecer a excelencia que eles teñen e cada adestrador que veña poderá atopar a súa propia, a través das dúbidas e consultas que lle poidan resolver os relatores, porque estarán abertos para resolvelas”, concluíu.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado