A SD Compostela presenta as equipacións da Tempada 2021/22

De esq. a der.: Borja Rey, Saro, Santiago Expósito, Juan Carlos Gesto, Antonio Quinteiro, Pablo Núñez, Celso Penche, Carlos Ferreiro, Ramón Castro e Primo.

  • As novas camisetas Adidas do club viron a luz, por primeira vez, no Estadio Verónica Boquete
  • No acto estiveron presentes membros da directiva do Compos e dirixentes do patrocinador principal, Cobres San Rafael

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

A SD Compostela presentou esta mañá no céspede do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro as novas equipacións para a Tempada 2021/22. Con Saro e Primo como modelos, fixéronse públicas as novas camisetas Adidas coas que o club competirá na Segunda RFEF a próxima campaña.

A primeira equipación mantén o predominio das cores azul e branco, engadindo tons en fucsia, e inclúe o peregrino na parte inferior esquerda. A segunda, pola súa banda, está marcada pola cor negra e nela perdura a vinculación ao Camiño de Santiago, neste Xacobeo 21-22, coa presenza do botafumeiro.

Na parte frontal, ambas levan estampadas a cuncha de vieira do Camiño e o logo de Cobres San Rafael, patrocinador principal do club. O tecido conta ademais coa tecnoloxía Aeroready de Adidas.

Ademais, o acto tamén serviu para coñecer o chándal da SD Compostela para a nova tempada. Borja Rey mostrou o equipamento que portarán os xogadores compostelanistas nas súas viaxes polo territorio nacional.

Nesta importante presentación, na que se fixo patente o acordo asinado con Adidas e Fútbol Emotion, estiveron presentes, por parte da SD Compostela, Antonio Quinteiro, presidente; Carlos Ferreiro, tesoureiro; e Juan Carlos Gesto, secretario; e por parte de Cobres San Rafael, Pablo Núñez Fernández, director das relacións institucionais; e Celso Penche García, delegado en Galicia. Así mesmo, en representación de Fútbol Emotion, tamén estivo presente no evento Santiago Expósito Baamonde.

“A presentación das camisetas é o noso acto de inicio de tempada e neste ano temos a novidade co cambio de marca. Quero agradecer, persoalmente e en nome do club, a Fútbol Emotion e a Adidas a súa participación no proxecto da SD Compostela. Esta é unha aposta máis do club, xa que cada ano imos dando pasos novos cara á profesionalización. Agradecer tamén a presenza hoxe do noso patrocinador principal, Cobres San Rafael, que nos acompañará como nestes anos anteriores”, destacou Antonio Quinteiro ante os medios de comunicación.

Do mesmo xeito, o presidente do Compos fixo un chamamento ao empresariado santiagués. “Quixera recalcar e animar a todas as empresas de Santiago e comarca a apoiar este proxecto. Oxalá que, neste ano, pasadas as grandes inclemencias da covid-19, poidan vivir unha recuperación económica e botar unha man ao Compostela a próxima tempada”, comentou.

Por último, animou a todos a comprar as novas equipacións na Tenda Oficial, xa sexa no establecemento ou en liña. “Esperemos que as camisetas gusten e que a xente se achegue á Tenda para comprala, para que a gocen e a garden como un recordo da historia do noso club”, concluíu.

Á venda.

As novas equipacións de Adidas da SD Compostela xa están á venda ao público, dende hoxe mesmo, a un prezo de 57 euros, coa posibilidade de estampar nome e número por 10€. Pódense mercar na Tenda Oficial da SD Compostela (horario de martes a domingo, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00), na Rúa da Raíña 8, así como na tenda online (https://www.sdcompostela.com/gl/tenda-online/) e, proximamente, tamén na plataforma de Fútbol Emotion (https://www.futbolemotion.com/).

Compartir en Redes Sociales

Relacionado