A SD Compostela inicia a pretempada este mércores

  • Os xogadores branquiazuis están citados para as 10.30 no Anexo San Lázaro II

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2021

A SD Compostela 2021/22 botará a andar esta semana co inicio da pretempada. Os branquiazuis iniciarán o seu camiño para competir na 2ª RFEF este mércores 21 de xullo ás 10.30 horas no Anexo San Lázaro II.

O proxecto encabezado, por primeira vez, por Rodri Veiga comezará a súa preparación para un duro campionato con seis semanas e media de adestramentos e amigables, antes de afrontar a estrea ligueira, prevista para a fin de semana do 4/5 de setembro. Esta semana inicial completarase con catro sesións, todas elas programadas para as 10.30 horas no Anexo, deixando o domingo como xornada de descanso.

Nesta toma de contacto previa á competición, están citados para adestrar os vinte xogadores con ficha do primeiro equipo, así como varios canteiráns. Acompañarán aos branquiazuis, tres novos xogadores do filial Sigüeiro FC, Roque, Yago e Mario, habituais o curso pasado durante os adestramentos cando eran xuvenís (os dous primeiros mesmo debutaron en Segunda B na última xornada), así como o xuvenil Izan. Ademais, tamén estará a proba o mozo Alfonso Santiso, que o curso pasado xogou no Ourense CF.

Ata o momento, os nosos teñen confirmados catro partidos amigables, así como a disputa da Fase Autonómica da Copa Federación. Precisamente, esta competición marcará a disputa ou non de máis encontros. Entre os duelos, xogarase tamén a V edición do Memorial Antonio Bermúdez, unha cita que será presentada proximamente.

Deste xeito, os nosos estrearanse o próximo 28 contra o CD Lugo, de Segunda División; e xogarán tamén contra o Noia CF, o 7 de agosto en Negreira; contra o RC Celta de Vigo B, o 21 de agosto no Vero Boquete; e ante o Racing Club de Ferrol SAD, o 15 de agosto en Viveiro. Esta última data tamén está reservada para a disputa dos cuartos de final da Copa RFEF, rolda para a que xa está clasificada directamente a SD Compostela, aínda que se cambiará cando se coñeza o rival (CD Estradense ou CSD Arzúa).

Cadro coa primeira semana de adestramentos da pretempada.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado