A SD Compostela é de Segunda B

25 de Xullo de 2020
  • Tras moito sufrimento, o proxecto branquiazul regresa á categoría de bronce no día do Apóstolo Santiago
  • Pablo Antas, de penalti, foi o autor do gol do ascenso

Vigo, a 25 de Xullo de 2020.

25 de xullo de 2020, día do Apóstolo, é a data na que a SD Compostela regresou á Segunda División B. O proxecto branquiazul, deseñado desde unha base con xente da casa e nova, con Yago Iglesias como guía e cun fútbol moi recoñecible, regresa catro tempadas despois á categoría de bronce.

E como non podía ser doutra maneira, o ascenso chegou con moito sufrimento, pero merecidamente. Tocou remontar un gol en contra, o de Adri Castro no 12, pero Pablo Antas, o heroe de Monterroso, puxo o empate na segunda metade desde os once metros. De aí, ata o 99, o resultado xa non se moveu e Compostela puido festexar o seu gran obxectivo.     

A gran final do playoff exprés medía aos dous mellores equipos da liga nun duelo a vida morte en Balaídos . 90 minutos separaban a ambos conxuntos dun ascenso á Segunda División B. Deste xeito, con todo o que había en xogo, a contenda comezou con moito respecto, o cal se foi perdendo co paso dos minutos.

Neses primeiros instantes de tanteo, con todo, o Ourense CF atoparíase co primeiro gol da tarde nunha acción de contragolpe. Roubou o esférico en campo rival, avanzou con rapidez e atopou o espazo na banda esquerda, por onde apareceu Murilo para pór un centro estratosférico, por diante da defensa, á cabeza de Adri Castro, quen só tivo que tocala levemente para que o balón acabase na rede.

Pese ao golpe, reaccionaron rápido os branquiazuis desde a esquina, logo dun remate de Pablo Antas que cazou Parras. Tamén o volveron a tentar os pontinos, das botas do goleador coruñés, pero nesta ocasión Pato voou para mandar o esférico a córner.

A medida que avanzaba a contenda, o encontro foise endurecendo, con múltiples accións duras castigadas polo colexiado. Nunha desas faltas, Samu buscou o disparo a porta, pero a pelota marchouse rozando o traveseiro, xusto antes do primeiro parón.

Este, sentoulle ben ao Compos, xa que a partir dese tempo víronse os seus mellores minutos sobre o tapete. Comezou a combinar con maior rapidez e a atopar máis espazos, como na xogada na que Hugo Sanmartín, só na área, non puido esquivar o corpo de Portela. Tamén apareceu Miki, coa súa velocidade, pero o seu pase da morte para Primo sacouno coa man Parras. E para pechar o primeiro acto, un voleón de Pablo Antas que se foi por encima do traveseiro.

Á volta dos vestiarios, a decoración seguiu sendo a mesma e é que o Compos xa tiña o campo inclinado cara á meta rival. En menos de sesenta segundos, os nosos xa avisaron do que ía suceder. Nese tempo, Bicho tivo a primeira cun disparo desde o interior da área que se foi desviado.

Minutos máis tarde, sería Primo o que a tería, pero no momento do remate escorregouse, o mesmo que lle sucedeu a Pablo Antas á saída dun córner provocado por unha gran parada de Parras a tiro de Samu.

Tamén é certo que Pato apareceu no 55 para evitar a única ocasión pontina da segunda metade, un balón que levou rebotado Cassio e no que o gardameta se fixo enorme para evitar o segundo tanto visitante.

Esporeados polo seu gardameta, chegou o primeiro gol compostelanista, aínda que este foi anulado por un milimétrico fóra de xogo. Primo recibiu de Jimmy e marcou no man a man, pero o liña levantou a bandeira.

Con todo, non importou porque catro minutos máis tarde, no 67, Miki gañaba por enésima vez a banda e puxo o seu particular servizo atrás para Brais Abelenda, quen no momento de armar o disparo foi trabado por Cassio. Penalti claro e Pablo Antas que colleu a responsabilidade. O de Monterroso, con confianza, dirixiuse ao esférico e cravou a pelota na rede cun toque sutil que enganou por completo a Parras.

Co encontro empatado, a SD Compostela estaba clasificada, pero aínda quedaban moitos minutos por diante, minutos de sufrimento para a afección, pero que os xogadores souberon levar moi ben. De feito, se alguén mereceu outro gol, eses foron os nosos.

A máis clara chegou no 92, precisamente, por mediación dun Pablo Antas que recibiu só na área e armou o seu disparo coa zurda, pero Parras sacouna cos pés. E tamén houbo outro gol anulado, obra de Gabri Palmás, un golazo que non valeu porque a pelota marchouse por centímetros pola banda de Balaídos.

Nese sufrido desconto de nove minutos tamén houbo varios boureos e ata tres expulsións, de Soto, Murilo e Renan, pero xa non importaba, a meta estaba cada vez máis preto e acabou sendo alcanzada cun córner en contra que sacaron os nosos para que o árbitro sinalase o final do choque, o final do sufrimento, o momento do ascenso.

Con ese asubío final, a euforia desatouse no bando branquiazul, tocou celebrar ao grande o merecido salto de categoría. A SD Compostela é de novo de Segunda B. Forza Compos!!!

FICHA TÉCNICA:

1- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Soto, Jimmy (Josiño, m.63); Samu, Pablo Antas; Miki (Gabri Palmás, m.87), Hugo Sanmartín (Brais Abelenda, m.46), Bicho (Baleato, m.78); e Primo.

1- Ourense CF: Christian Parras; Germán (Sergio de Paz, m.67), Sergio Barcia, Portela, Manu Mariña (Iker Revuelta, m.82), Murilo; Cassio (Juanma, m.72), Renan Zanelli, Pibe; Martín Lamelas e Adri Castro.

Goles: 0-1: Adri Castro, min12; 1-1: Pablo Antas, min.67.

Árbitro: López Vila (A Coruña). Expulsou con cartón vermello directa a Soto (m.89), polo Compos, e a Murilo (m.89) e Renan (m.98), polo Ourense. Amoestou a Bicho, Álex Otero (no banco), Pato e Saro, polo Compos; e a Sergio Barcia, Germán e Cassio, polo Ourense CF.

Incidencias: Final do Playoff Exprés de ascenso á Segunda División B disputado no Estadio Municipal Abanca Balaídos, disputado a porta pechada. Antes de iniciarse o encontro, ambos os conxuntos gardaron un minuto de silencio na memoria das vítimas da covid-19.

Youtube

Instagram Compos

Flickr Amadeo Rey

  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2

Instagram Canteira

Twitter Canteira

Facebook

22 hours ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Pablo Antas 🗣️ O mediocentro tamén falou na previa á visita ao Real Oviedo Vetusta⚽️ O capitán, que volve ao equipo tras sanción, remarcou a necesidade de sumar, tras moito tempo, unha vitoria coma visitantes#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

24 hours ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Antón Permuy🗣️ PREVIA antes da visita ao Real Oviedo Vetusta, este sábado, ás 16.00 horas, no Requexón⚽️ O técnico destaca a melloría do equipo e centra o foco en conseguir a vitoria en terras asturianas#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
Este sábado, en Oviedo, só vale gañar para poder seguir na pelexa! 🩵🤍🆚 Real Oviedo Vetusta🗓️ 20.04.24⏰ 16.00🏟️ El Requexón 📺 www.youtube.com/@realoviedo#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
🗓️ 𝐏𝐋𝐀𝐍 𝐃𝐄 𝐓𝐑𝐀𝐁𝐀𝐋𝐋𝐎⚒️ Tralo gran esforzo de onte, os nosos regresan esta mañá ao traballo centrados no seguinte obxectivo, conseguir a vitoria ante o Real Oviedo Vetusta#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.