A SD Compostela busca o seu primeiro triunfo do ano no partido aprazado

  • Os branquiazuis confían en que as boas sensacións se trasladen ao resultado final contra o Salamanca

Santiago de Compostela, a 19 de Xaneiro de 2021.

Logo de pasar o temporal Filomena, a SD Compostela viaxa finalmente cara a Salamanca para disputar a xornada aprazada contra o Salamanca CF UDS, último encontro da primeira volta no que os nosos buscarán os tres primeiros puntos do ano, conseguindo que as boas sensacións que deixan sobre o céspede se trasladen ao marcador de triunfos.

Todos listos. Estamos todos ok. Recuperamos a Casas, xa por fin, e viaxamos os 20 dispoñibles no plantel. É unha boa noticia, porque por fin somos quen de estar todos e contar coas mellores opcións para poder competir.

O Salamanca. O único partido que lle vimos foi o seu debut contra o Deportivo e as conclusións que sacamos é que hai certas variantes respecto do que facían anteriormente. Sobre todo, do que máis información puidemos sacar foi do estado do terreo de xogo, que nesta xornada será fundamental, un condicionante a ter moi en conta. A partir de aí, temos que ser o Compostela recoñecible, máis que nunca, e centrarnos 100% no que facemos. Atoparémonos un Salamanca con dous días máis de preparación co seu novo adestrador e seguro que seguen na liña deste domingo pasado, porque fixeron un bo partido.

Novas fortalezas do rival. Destaco, sobre todo, a súa mellora na faceta defensiva, coas fichaxes novas para esa liña, e tamén no ataque, con xogadores novos. Ademais, destaco o seu posicionamento máis equilibrado, máis ordenado, con dúas liñas, 4-1-4-1, un cambio respecto ao comezo de tempada, e o seu rigor defensivo, facéndoo moi ben contra o Deportivo. Creo que ese é o primeiro paso para seguir crecendo e que esa será a idea do seu adestrador.

Posibilidade de realizar variantes. Penso que é unha das primeiras xornadas nas que temos a todos e en función diso podemos preparar novas variantes. Levamos semanas traballando cousas novas e que volva Casas e o bo facer de Matías contra o Ibiza e de Guille contra o Unionistas fai que se eleve o nivel de competencia, que se eleve o nivel de adestramento e esa é a mellor noticia para un adestrador. Para min, é unha noticia moi positiva ter a todo o plantel dispoñible.

Confianza en que chegará o gol. Fichar a un dianteiro ou a un atacante non che garante goles. Aínda que é certo que en tempadas anteriores tivemos un goleador moi destacado, coas ocasións que xeramos, o gol sempre estivo moi repartido. Hai que ser conscientes da categoría na que estamos e a medida que sobe o nivel, é máis complicado marcar. Os equipos están máis ordenados e ocupan mellor a área, sen desmerecer as categorías máis baixas, polo que é máis difícil. Tamén chegar á área rival complícase máis e aí o equipo dá un nivel altísimo, porque os números así o din. Chegamos moito, centramos moito, pisamos moita a área rival e finalizamos moito, pero o rédito non é acorde ao que facemos. É cuestión de insistir, se con dez chegadas non somos quen de marcar, teremos que chegar doce, quince ou vinte, e niso seguiremos traballando. Sabemos a capacidade de Primo, Brais, Juampa, Miki, Bicho ou Antas, non temos dúbida niso, e ao final é ter calma. Hai que seguir na liña, porque o gol vai chegar. O que si, amólanos porque polo esforzo do equipo no campo, cremos que merecíamos un pouco máis, pero consideramos que ao final o fútbol será xusto connosco, sempre que traballemos na mesma liña, e iso é o que imos facer. Tarde ou cedo, os goles virán e volveremos sumar de tres.

Seguir insistindo. O líder saca moito rédito de resultados moi curtos. No noso caso, somos o segundo que menos recibe e o quinto que máis goles mete. O problema é que non somos capaces de pasar do empate. Temos que seguir traballando para que eses números que din que estamos a facer unha boa tempada se traduzan nos tres puntos. Vendo os encontros e os comentarios de xornalistas ou seguidores, no partido do outro día, sen ver a clasificación, polo visto no campo, poderías cambiar as posicións dos equipos, pero ao final isto vai de conseguir uns obxectivos e iso lógrase con goles, polo que imos seguir traballando niso.

Confianza cega no grupo. Estou encantado co que teño, orgullosísimo do que o equipo fai e como o fan, porque que falen de que o equipo xoga como xoga e competindo contra todos é o mellor reforzo que pode ter un adestrador, xa que son os xogadores os que fan bo o teu traballo. Sabemos que os xogadores que temos son moi válidos para a categoría, así o están demostrando e eu confío en que con traballo e tentando manter cada semana este nivel, imos chegar aos obxectivos.

Saír a pola vitoria. Antes de xogar non asino nada, sempre vou a gañar, xogue onde xogue. Sempre expoño os partidos para gañar, pero, evidentemente, durante os mesmos as cousas cambian, ou non. Nunca asinaría un empate antes de xogar, logo veremos o que pasa porque o fútbol é caprichoso. Tamén o fútbol é tan caprichoso que, se fas as cousas ben, poida que contra o líder non sexas capaz de meter as dez ocasiones claras que teñas e despois chegas a Riazor e metes as dúas que tes, por iso non imos negar nada nin imos a escapar de nada.

Condicionante do terreo de xogo. Creo que esta xornada nos imos a atopar un condicionante externo que, seguramente, condicione a nosa idea de xogo. Analizando o partido contra o Deportivo, cunha área xeada, xogadores que escorregaban, porteiros que non eran quen de sacar de portería, un centro do campo moi irregular…sabendo o perfil de xogadores que temos e a idea de xogar raseado, con moita mobilidade e combinacións, seguramente nos sexa complicado, por iso é importante chegar alí cos vinte do plantel e o feito de recuperar a todos os efectivos vénnos no momento xusto. A partir de aí, mañá veremos que campo nos atopamos e se podemos empezar co Plan A ou Plan B, ou se ao longo do partido temos que ir ao Plan C. Xa en anos anteriores, en Terceira División, atopámonos este tipo de problemas e competimos sen ningún tipo de dúbidas, polo que mañá verémolo.

Ilusión. Imos a Salamanca con toda a ilusión de conseguir os tres puntos, de seguir na boa liña e de ser quen de que todo este bo xogo nos axude a seguir sendo mellores. Despois, xa veremos o que pasa a fin de semana en Riazor.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado