A SD Compostela Atletismo completa a xesta de ‘The Speed Faros Project’

Atletas e compañeiros da SD Compostela Atletismo durante o percorrido.

  • Os cinco integrantes completaron os 200 quilómetros que separan Malpica de Fisterra en 20 horas e 41 minutos
  • Son o primeiro club en completar este reto lanzado na ruta do Camiño dos Faros

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2021.

A través do Camiño dos Faros, a SD Compostela Atletismo foi o primeiro club en completar a xesta de The Speed Faros Proyect, un reto de 200 quilómetros entre Malpica e Fisterra que atravesa por paraxes únicas. Damián Espasandín, Amador Pena, Jose Sandá, Manuel Castiñeiras e Jordi Carrasco, os cinco valentes atletas branquiazuis completaron o percorrido en 20 horas e 41 minutos.

Dende a partida na medianoite do venres ao sábado no porto malpicán, ata a súa chegada ao Faro de Fisterra, pasadas as oito e media da tarde, os corredores da SD Compostela Atletismo contaron co apoio de familiares e compañeiros do club, quen achegaron o seu gran de area á consecución do obxectivo.

Para realizar o ultratrail, Damián Espasandín, Amador Pena, Jose Sandá, Manuel Castiñeiras e Jordi Carrasco realizaron relevos curtos, tal e como marca o reto estadounidense do que xurdiu este proxecto, completando unha media de 40 quilómetros cada un.

Con todo, este non foi o único éxito da SD Compostela Atletismo esta fin de semana, xa que dous dos nosos proclamáronse campións galegos. Ainoa Gontán, en 3.000 metros sub18, e Yago Iglesias, en 3.000 metros sub16, conseguiron a medalla de ouro nos campionatos disputados en Lugo. Ademais, Gonzalo Cao conseguiu un meritorio quinto posto na mesma proba, en sub18.

Pola súa banda, Javier de Deus terminou nun meritorio terceiro posto na XXXVII Carreira Popular de Leiro.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado