A SD Compostela 22/23 xa está en marcha

Foto de grupo antes do primeiro adestramento da pretempada.

  • Con Fabiano á fronte, os vinte e tres futbolistas citados realizaron o primeiro adestramento da pretempada

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022

A SD Compostela 22/23 botou a andar esta mañá no Anexo San Lázaro II. Puntuais á cita, ás 10.30 horas, o plantel branquiazul saltou ao campo para realizar o primeiro adestramento do ano, neste inicio da pretempada.

Foi unha xornada de toma de contacto, de presentacións e de coller sensacións tralas vacacións. Sobre o verde, Fabiano levou a cabo a súa primeira sesión á fronte do equipo, no regreso de ‘O Rei’ á súa cidade.

Tamén foi un día de estrea para os tres primeiros fichaxes do club: Pablo Crespo, Martín Salvador e Damián Canedo. Os tres pisaron o campo de adestramento compostelanista por vez primeira, arroupados polo resto de compañeiros máis veteranos.

Así, as incorporacións estiveron xunto aos once futbolistas que seguen no proxecto compostelanista: Pato, Borja Rey, Roque, Álvaro Casas, Samu, Pablo Antas, Fer Beltrán, Mario, Jordan, Parapar e Pablo Durán.

Ademais, a todos eles sumáronse os nove canteiráns citados para a pretempada da SD Compostela. Estiveron Trillo, Dani Varela, Goris e Iker Carril, do Xuvenil de División de Honra; e Ozores, Quique, Remuiñán, Yago e Santi de Prado, do Filial, o Sigüeiro FC.

No que respecta ao traballo desta primeira sesión, tras unha charla con Fabiano, os vinte e tres xogadores compaxinaron exercicios físicos coas primeiras tarefas con balón.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado