A SD comezará a pretemporada o luns 18 e o 20 enfrontarase ao Lugo

Santiago de Compostela, a 13 de Xullo de 2016.

A SD Compostela xa coñece cal será o seu plan de traballo para os próximos quince días. Dúas semanas, nas que ademais dos adestramentos, contarán con catro partidos amigables, despois da confirmación do encontro contra o Lugo para o día 20.

O conxunto de Yago Iglesias comezará a pretemporada o luns 18 de xullo ás 19:00, no campo de San Lázaro II, unha sesión que permitirá xuntar a todas as caras novas do club compostelán. Ao día seguinte repetirase sesión e lugar.

O mércores 20, o equipo desprazarase ao Campo Municipal de Fonsagrada, Lugo, para enfrontarse ao Club Deportivo Lugo, da Segunda División Española, nun amigable que se disputará ás 20:00.

Os dous seguintes días o equipo volverá ás sesións vespertinas de adestramento das 19:00, no San Lázaro II, trasladándose dita preparación para a mañá, 11:00, o sábado 24.

O domingo 25, o Compos disputará o seu segundo amigable, esta vez contra o Boiro, recentemente ascendido á Segunda División B, nun choque que terá lugar ás 19:00 no campo de Camporrado. Un encontro que servirá para coroar ao campión do III Trofeo Concello de Boqueixón.

Os xogadores terán o luns de descanso, pero o martes xa se exercitarán de novo ás 19:00, e o mércores o adestramento será dobre, con sesión ás 11:00 e ás 19:00, todas elas no Campo de San Lázaro II.

Xoves e venres o adestramento volverá á tarde unicamente, 19:00 en San Lázaro II, mentres que o sábado 30, o equipo disputará o seu terceiro e cuarto encontro de pretemporada coa disputa do triangular de Praíña, en Pontevea, contra Somozas e Coruxo, ambos conxuntos de Segunda División B.

Por último, o domingo 25, a SD contará cunha nova xornada de descanso, despois de quince días de intenso traballo, que servirán para coller fondo físico para a nova tempada, pero tamén para que todas as fichaxes se adapten aos seus novos compañeiros e roles dentro do conxunto santiagués.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado