A S.D. Compostela non consegue a remontada e perde ante o Coruxo malia a súa entrega

Coruxo web

A S.D. Compostela afrontaba un partido vital ante o Coruxo F.C. na loita pola permanencia e o equipo estivo arroupado por 1.700 persoas no estadio de San Lázaro. Non obstante as cousas complicáronse para os locais nada máis comezar o encontro, pois no minuto 1 Cifuentes remataba de cabeza un córner e poñía o 0-1 no marcador. O tanto anotado deixou descolocado aos de Fredi, pero conscientes de que aínda quedaba moito partido, souberon manter a calma e  tomaron as rendas dun partido que se iniciou de xeito adverso.

Pese á forte defensa do equipo dirixido por Rafa Sáez os locais fixéronse coa posesión do balón e buscaron a portería rival. No minuto 16 Guillem Martí dispuxo dunha boa ocasión, pero o seu disparo foi recortado pola zaga do Coruxo. Pola súa banda Rafa Sáez viuse obrigado a efectuar o seu primeiro cambio no minuto 18 dando a entrada a Pablo por Anxo, que se retiraba do terreo de xogo por molestias físicas.

O Compostela non baixaba os brazos e co paso dos minutos chegou o gol do empate nunha xogada a balón parado por medio dun saque de falta de Dani Hernández que rematou maxistralmente Sergio Sánchez. A alegría estalou en San Lázaro que animaba ao seu equipo na procura dunha vitoria aínda posible. Pero o mazazo chegou aos dous minutos cando, nunha xogada de contraataque pola banda, Rafa Mellase quedou só ante Pato e selou o segundo gol do Coruxo cun disparo raso e pegado ao poste.

O segundo tanto foi un jgolpe desestabilzador para os locais que aínda dispuxeron dun par de ocasións antes do descanso cun remate de Manu Rodríguez que se escapaba alto ou o bo intento de Jordan, que tras librarse dos seus defensores, lograba disparar a portería, pero Brais, o porteiro do Coruxo, atrapaba sen maior dificultade o esférico.

Tralo paso por vestuarios o partido perdeu intensidade, pero o Compostela, que mantiña a posesión do balón, intentábao sen fortuna. Manu Rodríguez disparaba raso e con potencia dende fóra do área, pero Brais lograba atrapar o balón nunha boa estirada. Tamén o dianteiro balear Guillem Martí dispuxo da mellor oportunidade para lograr o empate cando no minuto 66 quedábase nun man a man con Brais, pero de novo o balón marchábase desviado.

Fredi buscou un revulsivo e gañar velocidade polas bandas cedendo minutos a Goti e Jesús Varela, pero a boa defensa dos de Rafa Sáez e a loita psicolóxica contra os minutos que trascurrían, apenas deixaron marxe de oportunidade para a S.D. Compostela. O último intento tívoo Guillem nas súas botas pero o balón escapábaselle longo.

Ao final O Coruxo F.C. levouse os tres puntos certificando o seu permanencia na categoría, pola contra o Compostela afrontará o próximo partido ante o Real Rácing Club Santander coa obriga de gañar nunha situación extrema. O adestrador da S.D. Compostela, Fredi Álvarez, manifestaba en roda de prensa que “temos que esperar a mañá, a situación é límite e as posibilidades son poucas”. O técnico quixo agradecer o apoio da afección e lamentou non poder corresponderlles cunha vitoria ainda que “acabaremos a tempada coa maior dignidade posible”, asegurou.

FOTOGRAFÍA: Amadeo Rey

FICHA TÉCNICA

S.D. COMPOSTELA (1): Pato, Josu-(Jesús Varela, min 71), Jimmy, Javi Moreno-(Fondevila, min 82), Portela, Sergio Sñanchez, Dani Hernández-(Goti, min 63), Manu Rodríguez, Guillem, Bicho, Jordan.

CORUXO F.C. (2): Brais, Anxo-(Pablo, min 17), Cristóbal, Acoidan, Alberto García, Cifuentes, Adrián-(Lamas, min 79)), Raúl, Rafa Mella-(Birane, min 86), Santi Comesaña, Pedro Vázquez.

GOLES: 0-1 (min 1, Cifuentes), 1-1 (min 24, Sergio Sánchez), 1-2 (min 26, Rafa Mella)

ÁRBITRO: Santiago Varón do Comité Territorial Balear amonestou con tarxeta amarela por parte do Coruxo F.C. a: Alberto García (min 45 1), Santi Comesaña (min 53), Pedro Vázquez (min 76), Rafa Mella (min 80).

Por parte da S.D. Compostela amonestou con tarxeta amarela a: Sergio Sánchez (min 59), Javi Moreno (min 65), Bicho (min 82).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 35 do Campionato Nacional de Segunda División ‘B’ do Grupo ante 1.737 persoas. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Garrincha, ex xogador do Compostela.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado