A S.D. Compostela derrota ó Tudelano tras protagonizar unha gran remontada na segunda parte

 

Orbe Gol editada

                                              Fotografía: Amadeo Rey

 

S.D. COMPOSTELA (2): Pato, Josu-(Gerard Oliva), Jimmy, Sergio Sánchez, Catú, Javi Moreno (1), Jesús Varela,Mon-(Fondevila), Orbegozo (1), Joaquín-(Dani Hernández), Goti.

C.D.  TUDELANO (1): Pagola,  Delgado, Samanes-(Arkaitz),  Nandi,  Jonathan,  Lázaro,  Valero,  Chema Mato,Óscar Martin-(Iván Martín), Víctor Bravo-(Lalaguna), Eneko (1).

 

Por fin a S.D. Compostela logrou acabar coa seca goleadora que padecía nun encontro que a priori non se prognosticaba nada fácil. Visitaba San Lázaro o Tudelano, un dos equipos en alza e cuarto clasificado. Ademais, o partido comezaba do peor modo posible; os navarros adiantábanse tras un erro de Pato Guillén pero na segunda metade os de Iñaki Alonso obraron o milagre da remontada cun cambio de actitude e de bo xogo que acabou por darlles o ansiado e esperado triunfo. Unha remontada épica que desatou a emoción de todo o persoal e de toda a afección de San Lázaro, tras unhas duras semanas onde se cuestionou a capacidade do equipo.

A primeira parte transcorreu cun xogo trabado por parte de ambos equipos. O Compostela non acababa de atopar o seu sitio e as ocasións de gol non chegaban. Todo se complicou aínda máis cando no minuto 8 o Tudelano adiantouse no marcador cun tanto de Eneko, aproveitando un fallo de Pato Guillén.

Ese gol deixou tocado ao Compostela; a historia repetíase e o equipo non lograba recompoñerse. No minuto 30 a esedé comezou a estirarse e Joaquín tivo nas súas botas unha boa ocasión pero o seu lanzamento atopou a feliz intervención de Pagola, o porteiro do Tudelano. Dous minutos despois chegaba a mellor ocasión do Compos no primeiro tempo; Joaquín lanzou unha falta e o remate de Orbegozo marchouse longo.

Na segunda parte o partido mudou por completo. Quizais foi a charla no vestuario de Iñaki Alonso ou a propia convicción dos xogadores do Compostela pero o certo é que a Esedé ofreceu outra cara e buscou o partido sen descanso.

Para empezar, Iñaki Alonso arriscou sacando ao campo a dous xogadores ofensivos como son Dani Hernández e Gerard Oliva. O propio Oliva dispuxo dun bo testarazo no minuto 74; pasaban os minutos e o asedio do Compostela sobre o marco rival era cada vez máis constante ante un Tudelano replegado no seu campo.

Tanta insistencia ao final atopou premio. Foi no minuto 80, cando Javi Moreno establecía o 1 a 1 no marcador poñendo en pé a todo o estadio.

Tralo gol a afección envorcouse máis que nunca cun Compostela decidido a levarse o triunfo. Foi aí, nos minutos finais, cando chegaron os mellores minutos do Compos, envorcado no área rival. Dani Hernández poñía un centro envenenado no minuto 81 que despexou o porteiro do Tudelano baixo os paus. Tamén Gerard Oliva dispuxo dun rexeite en boca de gol tras un primeiro disparo raso de Dani Hernández pero o seu remate marchouse fóra.

As ocasións sucedíanse e tanta insistencia por fin obtivo premio cando no minuto 87 o árbitro sinalou un penalti a favor do Compostela. O encargado de transformar a pena máxima foi Orbegozo, quen tras marcar desatou a euforia de todo o estadio de San Lázaro. Unha alegría compartida por todo o banquiño que o celebrou unido, desatando a rabia contida e a tensión que o equipo levaba acumulada nas últimas xornadas.

O segundo gol deixou abatidos aos navarros que pouco puideron facer xa nos minutos finais. Ao final 2 a 1 a favor do Compostela; unha vitoria traballada e ante todo, unha dose de confianza para un equipo que ansiaba dar unha satisfacción á súa afección. Así o relataba Iñaki Alonso na posterior roda de prensa: “A celebración do segundo gol foi a imaxe do que o meu equipo estaba sufrindo”.

O adestrador do Compostela mostrouse satisfeito coa segunda parte que realizaron os seus xogadores pois “o equipo demostra cada xornada que é máis competitivo” e coa vitoria o técnico quixo felicitar ao equipo, ao club e a unha afección que non deixou de animar aos seus xogadores.

A próxima cita da Esedé será ante o C.D. Lealtad. O partido será o vindeiro domingo 15 de novembro ás 12:00 no Campo Municipal as Callejas. Un encontro onde o equipo espera seguir mantendo a liña ascendente das últimas xornadas.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado