A S.D. Compostela anuncia a destitución de Iñaki Alonso

cese Iñaki

Ante os malos resultados deportivos do club, a S.D. Compostela tivo que tomar a determinación de sustituír ó adestrador Iñaki Alonso.

Esta mañá o presidente da S.D. Compostela, Antonio Quinteiro, xunto a Iñaki Alonso, compareceron en rolda de prensa para facer oficial a noticia nun momento que Quinteiro cualificou de “triste e desafortunado”, pois o club “tivo ter que tomar esta decisión que non era a que realmente quería, pero a situación deportiva pesou á hora de tomala”.

Dende a directiva quixeron agradecer o labor de Iñaki Alonso durante todo este tempo no club: “Non temos ningunha dúbida do traballo do corpo técnico, do traballo de Iñaki nin da súa persoa”, recalcou o Presidente.

“Sentímolo moito polo momento do club, polos xogadores, e en nome da directiva por Iñaki Alonso, porque demostrou que é un gran traballador, pero o sacrificado sempre é o adestrador”.

Decisión difícil
“O que nos leva a tomar a decisión son os resultados deportivos e isto ten que tomar outro camiño. Aquí o único problema que se estaba levando a cabo é a dinámica, porque insisto, non temos ningunha dúbida do traballo do corpo técnico”.

Futuro
Dende a directiva queren seguir contando co traballo de Pedro López e Adrián Boo dentro do corpo técnico. A ambos o Presidente transmitiulle todo o seu apoio e respaldo. Antonio Quinteiro tamén aclarou que agora mesmo aínda non teñen sustituto para o posto de primeiro adestrador: “A partir desta tarde temos que barallar os nomes e intentar tomar a mellor decisión dentro das posibilidades económicas do club”.

Iñaki Alonso
Iñaki Alonso tamén quixo manifestarse na roda de prensa ante a decisión do club:

“É a primeira vez que me cesan en tempada, pero é menos duro cando vexo ós meus xogadores aquí presentes. Algo fariamos ben”.

“Os resultados non son os que todos agardábamos pero o fútbol ten estas cousas e acéptoo. Si en algo estamos orgullosos no corpo técnico é que nos deixamos todo por sacar a este equipo adiante”.

Podes ver a rolda de prensa completa no seguinte enlace:

Compartir en Redes Sociales

Relacionado