A por un triunfo para levantar a cabeza e loitar ata o final

  • O Compos necesita sumar os tres puntos contra o Ceares e esperar resultados para chegar con vida á última xornada

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

A SD Compostela xógase este domingo, ás 12.00 horas, seguir loitando pola clasificación para o playoff de ascenso. Aínda que non depende de si mesmo, o primeiro paso está en conseguir os tres puntos, de novo, no Vero Boquete, un triunfo que serviría para levantar o ánimo a un Compos ao que se lle está atragoando a segunda volta. Por iso, con esa premisa, saltarán a pola vitoria contra o Ceares.

Esta tarde, en rolda de prensa, Rodri analizou a previa do duelo, destacando a importancia render ao nivel máis alto posible e de gañar para despois esperar posibles fallos dos rivais.

Rolda de prensa de Rodri.

Estado do plantel. Temos lesionados a Jordan e a Matías, despois están sancionados Roque e Guille, por acumulación de tarxetas. Descansan esta semana e para a semana estarán limpos.

Opcións para a defensa. A pesar das baixas seguimos tendo opcións, con Roberto Baleato, Joel ou atrasando a algún futbolista máis para ter saída de balón. Valoraremos as posibilidades, que as temos e, sobre todo, temos que acertar coa persoa que ten que xogar aí.

Posibilidades de entrar en playoff. Matematicamente aínda podemos. Temos que facer o noso traballo. Tentar gañar os dous partidos que nos quedan, empezando polo desta semana, que é clave, e despois esperar. Falamos no adestramento de como temos que afrontalo, estar enchufados e competir ao nivel máis alto posible para lograr os seis puntos e esperar os fallos dos rivais que, nunha liga tan igualada como esta, pódense dar.

Quen pode fallar? Estou confiado de que se logramos os seis puntos metémonos. Dáme igual quen pique, pero Bergantiños, Palencia e Coruxo teñen partidos complicados. Imos tentalo. O primeiro é esta semana, que temos un partido complicado, como todos nesta categoría e afrontalo como se merece o rival e como se merece a situación na que estamos.

O Ceares. É un equipo que desfruta cada partido como un premio ao que fixeron. Son rivais perigosos, que ou os sometes dende o primeiro momento ou se poden crecer e vir arriba. Temos que afrontalo con moita seriedade, moita humildade e levarnos o partido, porque non podemos perder a oportunidade de facer o noso traballo, esperando fallos doutros rivais.

Partido da primeira volta. Foi un partido no que o estado do campo foi o peor de todo o ano. Tocounos a nós e estaba super esvaradío, polo que se converteu nun duelo con moitas disputas, mesmo ata tes que dar por bo o punto, porque sufrimos por momentos. O equipo competiu como debía, dentro das posibilidades que temos, pero prexudicounos o terreo de xogo e eses puntos bótalos de menos.

Encontro en Langreo. Sufrimos moito na primeira parte. O rival xogábase moito. Custounos adaptarnos ao campo e na primeira parte cometemos un erro por tentar filtrar por dentro. E na segunda, cando mellor estabamos, porque o rival percibíase que estaba nervioso, volvemos encaixar. Unha laxa de toda a tempada é que dos 35 encaixados, un número importante foron por erros nosos na toma de decisións. Temos que minimizalo estas dúas semanas para tentar sacar os seis puntos. Despois xa haberá tempo, primeiro, para gozar do playoff e despois para analizar no que fallamos e acertamos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado