A oitava seguida e coa portería a cero

Celebración do primeiro gol nun partido patrocinado por Café Sabora. Foto: Amadeo Rey.
  • O Compos levou o clásico por 2-0 e amplía a nove puntos a vantaxe co quinto

Santiago de Compostela, a 1 de decembro de 2019.

O Vero Boquete segue inexpugnable. Os branquiazuis disputaron un gran encontro no clásico contra o Arousa, que levaron por 2-0 con tantos de Josiño e Brais Abelenda na segunda metade. Asinaron así o oito de oito no fortín e mantendo, unha vez máis, a portería a cero. O Compos vaise ao parón coa moral alta e con nove puntos de vantaxe co corte do playoff.

Sabendo da dificultade que entrañaba o clásico contra o Arousa, o Compos saltou ao Vero Boquete cunha marcha moi alta. Os branquiazuis, cun campo que se puxo máis rápido coa choiva que caeu no quecemento, esmagaban aos arlequinados cunha presión alta nos primeiros compases e aproveitaban o seu dominio para xerar ocasións continuas sobre a área rival.

As primeiras opcións apareceron en senllos córneres lanzados por Saro, un de cada lado, e que remataron de cabeza Soto e Pablo Antas, pero en ambos o balón marchouse por pouco. En acción combinada, no 7, tívoa Gabri Palmás, cun disparo duro abaixo que salvou Manu Táboas cunha enorme manopla e no 11, a máis clara, un cabezazo de Brais Abelenda, tralo saque rápido dunha falta, que se estampou contra o traveseiro.

Tras este inicio fulgurante, os visitantes quixeron saír de atrás, pero serían de novo os compostelanistas os que avisarían cunha falta de Pablo Antas ao segundo pau que despexou Manu cunha gran estirada. Con todo, á saída do córner, o cadro de Vilagarcía tívoa nun man a man de Raúl Martiñán, que gañou en velocidade aos defensas, pero non a un incrible Pato, que tapou todos os ocos posibles.

Antes do intermedio, Primo, na súa primeira aparición pola área, e Josiño, deixaron claro que o Compos tiña a meta rival entre cella e cella, pero o porteiro e un disparo que se marchou rozando o pau, evitaron que a balanza se desnivelase no primeiro acto.

Non sucedeu o mesmo á volta do intermedio e é que na primeira xogada, cun equipo que volveu saír a por todas, os branquiazuis levaron a pelota, por fin, á rede. Esta partiu da banda dereita, onde Pablo Antas atopou a Gabri Palmás, este devolveuna ao centro a Josiño e o mediapunta, tras orientar o esférico á súa perna esquerda, soltou un soberbio disparo con efecto que se coou pola escuadra. Un auténtico golazo.

A diana espoleou aos locais que, nun gran arreón, rozaron o segundo nos minutos sucesivos. Primeiro, Primo mandou demasiado cruzado un man a man, aínda que estaba anulado por fóra de xogo, e despois, o dianteiro cántabro non puido chegar por escasos milímetros ao pase da morte de Gabri, que atopara un oco enorme ás costas do lateral.

Despois deste pequeno vendaval, os nosos deron un paso atrás, deixaron ao rival exporse e tentaron saír á contra en canto puideron. Unha vez máis, os branquiazuis demostraron solidez defensiva e só concederon un disparo desde a frontal de Manu Rodríguez que sacou Pato abaixo.

Pola contra, saíndo en rápidas transicións, xa no desconto, primeiro perdoou Rodri Alonso, mandando arriba o pase da morte de Hugo Sanmartín, e despois matou Brais Abelenda. O pichichi do Compos entrou desde atrás, levándose ao defensa en velocidade e sentando ao porteiro cunha preciosa pisada, para marcar a portería baleira. Outro golazo para redondear a tarde.

Pechouse así o duelo, coa bancada rendéndose aos seus cunha sonora ovación e é que xa son oito triunfos noutros tantos duelos no Vero Boquete, e a defensa que xa suma 597 minutos sen encaixar. Márchanse os nosos ao parón a un punto do liderado e con nove de vantaxe sobre o quinto, o que marca o playoff. Dentro de quince días, tocará sumar lonxe da casa contra o Pontellas.

FICHA TÉCNICA:

2- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Soto, Jimmy; Baleato, Pablo Antas (Rodri Alonso, m.88); Gabri Palmás (Samu, m.74), Josiño (Hugo Sanmartín, m.80), Brais Abelenda; e Primo.

0- Arousa SC: Manu Táboas; Adrián, Trapero (Julio Rey, m.57), Iago, Coti (Suso, m.72); Pedro García, Manu Rodríguez; Javi Otero, Jorge Sáez (Cisoo, m.72), Raúl Martiñán; e Pedro Beda.

Goles: 1-0: Josiño, min.46; 2-0: Brais Abelenda, min.93.

Árbitro: Castro Alarcón (Pontevedra). Amoestou a Álvaro Casas, Sergio Pereira (banco) e Jimmy, polos locais; e a Pedro García, Iago, Manu Rodríguez e Pedro Beda, polos visitantes.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro. Partido da décimo quinta xornada de liga do Grupo 1 da Terceira División disputado ante 1500 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado