A mala sorte condena á SD na Copa RFEF

  • O CD As Pontes eliminou ao Compos na primeira rolda da Copa Federación, logo dunha quenda de penaltis na que Rafa, porteiro local, detivo dous penaltis.

Santiago de Compostela, a 1 de Setembro de 2016.

“Cando a pelotiña non quere entrar…” Onte non era o día. O Compos tentouno de todas as maneiras posibles: de falta, de cabeza, desde o medio campo, para empuxala dentro da área, pero non puido ser. O gol anotado por Ube na primeira parte non foi suficiente para gañar o partido, xa que un penalti dubidoso a favor do As Pontes na segunda metade, provocou o empate, levando o encontro a unha quenda de penaltis, na que estivo máis acertado o cadro local.

A pesar da gran cantidade de caras novas que entraron no once do Poboado, o Compos comezou o partido levando o peso do choque e pronto conseguiu adiantarse, no minuto 15. Foi Ube, quen debutaba no once inicial en partido oficial, o encargado de anotar, despois dun bonito disparo.

Con todo, este gol foi a única diana visitante do choque, e non foi por tentalo, precisamente. Xa na primeira parte, o As Pontes puido recibir algún gol máis. Dúas oportunidades de Juanin, unha cun tiro desde o medio campo que se foi por pouco e outra cun remate a centro Mon, que saíu alto, e un gol anulado a Santi Taboada, foron as máis claras.

A diferenza do sábado, no que Yago Iglesias se foi ao descanso pensando que os dous goles eran o mellor dos 45 minutos, nas Pontes só levar un gol non era precisamente positivo.

Aínda así, a segunda parte seguiu a tónica da primeira, de feito, o dominio e as ocasións fixéronse aínda máis evidentes.

O autor do gol, Ube, puido aumentar a renda branquiazul en dous remates, un de cabeza e outro de falta. Porén, nun o balón foise arriba por pouco e no outro, o debutante Rafa realizou unha gran intervención. Foi o preludio do peor.

No 74, o árbitro sinalaba o punto dos once metros, despois dunha xogada na que aparentemente non pasara nada. Por contra, o árbitro decretou penalti e Cris, ex xogador do Cerceda e que entrara ao campo na segunda parte, non desaproveitou a oportunidade para poñer o empate no marcador.

Pese ao revés que supuxo o gol en contra, o Compos aínda puido gañar o partido antes do asubío final.

Primeiro Ube non aproveitou unha clara ocasión ante Rafa e despois Santi Gegunde, que regresaba ó Poboado, onde xogou o ano pasado, tampouco materializou nas dúas que tivo, un man a man que sacou un espléndido Rafa e outro lanzamento que se foi ao traveseiro.

Non as aproveitaron e chegouse á lotería dos penaltis, onde o As Pontes estivo máis acertado. Pola SD, anotaron Ube e Mon, pero fallaron Taboada (o segundo) e Make (o cuarto), mentres que o cadro local acertou nos seus catro lanzamentos (Buyo, Alvaro, Prieto e Cris).

O soño de Copa Federación desvaneceuse. Foise tras un partido no que o Compos quedou eliminado inxustamente, xa que ben puido gañalo por tres ou catro goles de diferenza, pero non era o día.

Porén, de todo hai que se sacar unha nota positiva, e como dixo Yago ao terminar o partido: “Levamos desde a segunda semana de pretempada con partidos entre semana, agora por fin contaremos con semanas limpas”. Pois iso, a pensar na Liga e aproveitar as semanas para centrarse 100% nos encontros desa competición.

 

Compartir en Redes Sociales

Relacionado