A Deputación da Coruña, da man da SD Compostela, organiza o primeiro Torneo Alevín F-8

  • Terá lugar a fin de semana do 17 e 18 de setembro en Santiago
  • As inscricións pódense realizar na web da SD Compostela ou na ligazón https://bit.ly/TorneoF8Deputacion
  • Haberá actividades paralelas de lecer que impulsarán a participación e a socialización

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2022

A Deputación da Coruña, da man da SD Compostela, organizará en Santiago, a próxima fin de semana do 17 e 18 de setembro, o primeiro Torneo Alevín F-8 Deputación da Coruña, unha competición que terá lugar no Campo das Cancelas e na que participarán 36 conxuntos, dentro dunhas xornadas festivas.

Este torneo, a disputar na volta aos adestramentos dos equipos de categorías inferiores de toda Galicia, nace co obxectivo de impulsar a participación e a socialización entre os distintos clubs participantes, así como, continuar co labor de xerar adhesión á práctica deportiva por parte dos mozos, todo iso, nun ambiente lúdico que contará con actividades de lecer paralelas.

O torneo celebrarase a fin de semana do 17 e 18 de setembro, en formato de Fútbol-8 mixto para categoría alevín (nados nos anos 2011 e 2012). Na cita participarán un total de 36 equipos da provincia, que se elixirán por orde de clasificación das ligas organizadas pola FUTGAL a tempada pasada.

 

SISTEMA DE COMPETICIÓN. O sistema de competición será liguiña inicial de catro equipos por grupo e posteriormente eliminatorias divididas entre cadro principal e cadro secundario, en función da clasificación conseguida. Os dous primeiros pasarán á disputa das eliminatorias na parte principal do cadro e os terceiros e cuartos clasificados pasarán á parte secundaria do mesmo, co obxectivo de que todos os equipos disputen o mesmo número de encontros.

As inscricións xa están abertas a través da páxina web da SD Compostela ou directamente na ligazón https://bit.ly/TorneoF8Deputacion, ata completar a cota de 36 equipos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado