Tres alicerces defensivos presentados en Sisrecon

De esquerda a dereita: Álvaro Casas, Javier García, Saro e David Uña.

De esquerda a dereita: Álvaro Casas, Javier García, Saro e David Uña.

  • Álvaro Casas, Saro e David Uña seguirán defendendo a retagarda branquiazul

Santiago de Compostela, a 16 de Agosto de 2018.

Álvaro Casas, Saro e David Uña foron na última tempada tres dos alicerces defensivos da SD Compostela. Contaron cun gran protagonismo dentro dos esquemas de Yago Iglesias e coa súa firma por un ano máis queren seguir portando ese papel na zaga branquiazul.

En pleno proceso de aclimatamento de cara ao comezo ligueiro, os defensas foron presentados na sede de Sisrecon, entidade que renova tamén o seu compromiso co club, acompañados por Javier García, vicepresidente do Compos e xerente da empresa de pavimentos fundada en 1995.

Os tres xogadores branquiazuis expresaron a súa máxima ilusión por este novo ano no que esperan seguir a liña do curso pasado, co obxectivo a longo prazo de meterse, de novo, no playoff de ascenso.

O primeiro en falar foi un Álvaro Casas que na súa segunda tempada formará parte dos capitáns do equipo. “Agradezo ao vestiario que me elixiran, pero ao final será o mesmo, hai moitos líderes dentro do vestiario e non fai falta portar o brazalete para selo”, confesa.

En canto ao grupo, asegura que se foron xogadores importantes, aos que agradece o seu traballo polo equipo, pero agora “hai que centrarse nos que chegan novos, integralos e formar outro gran grupo, que creo que xa o hai, porque seguimos moitos e os que chegaron son boa xente”.

Dun deles, Piscu, co que compartirá posición agarda “aprender moito, porque xogou en Primeira División e no fútbol profesional moitos anos”, malia que non se pecha só a xogar nese posto, senón onde o queira o adestrador.

Pola súa banda, no carril dereito, Saro tentará seguir contando con moito protagonismo, malia que sabe do nivel de Sergio Pereira. “O que xogue farao ben seguro e témonos que apoiar entre os dous”, comenta.

A pesar de que as vacacións foron moi curtas e o golpe final moi duro, afrontan a pretempada con pilas cargadas e con moita ilusión. “Non tivemos moito tempo para descansar, pero afrontamos a tempada coa ilusión de volver clasificarnos para o playoff e este cansazo que temos ao principio, desaparecerá aos poucos ao coller a forma”, argumenta.

Para esta nova tempada, subliña que tentarán mellorar certos aspectos que non se lles daban tan ben, pese a que seguirán coa mesma liña de xogo. Nela, os novos “achegarán moitas ganas, porque queren demostrar, e iso contaxia ao resto e axuda a lograr os obxectivos marcados”, resume.

Por último, David Uña, quen se considera case un galego máis tras iniciar o seu terceiro curso en Santiago, séntese moi agradecido polas mostras de agarimo que recibe, considerando estar moi ben acollido tanto polo club como pola afección.

“Sorpréndeme porque son o único de fóra xunto a Aythami, pero o agarimo que me colleron creo que mo gañei co traballo no campo e agradézollo á afección”, remarca.

En canto á liga, que considera que será moi bonita, a clave estará “en ir partido a partido, porque non podes mirar máis lonxe que cada xornada”. Co obxectivo a longo prazo de meterse no playoff, a nivel persoal “traballarei para o equipo para conseguir todo o que o mundo quere, meterse no playoff e loitar polo ascenso”, conclúe.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado